Soutomaior xa ten o proxecto do seguinte treito do Camiño de Santiago
Soutomaior, 24 de xullo de 2024. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, explicou que o proxecto do camiño de Santiago leva redactado dende hai meses, moito antes de que o Partido Popular levase a iniciativa ao pleno ordinario de xullo.
O novo goberno de Soutomaior encargou, o pasado mes de decembro de 2023, un proxecto para arranxar o camiño de Santiago no seu treito urbano entre a rúa Rosalía de Castro e Ponte Sampaio. Este proxecto foi encargado ao equipo Urcoin, liderado por por Enrique Urcola, decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galiza e está valorado en preto 800 mil euros dos cales 150 mil euros irán destinados a renovar a rede de sumidoiros e a protexer a ría de verquidos.
Manu Lourenzo: "lamento que o PP de Soutomaior se negue a pedir a colaboración da Xunta para este proxecto tan necesario"
No pleno o alcalde tratou de acadar un acordo para que o PP se sumase a pedir a Xunta colaboración nesta obra, pero o PP negouse.
Lourenzo dixo nesta xornada que “o PP de Soutomaior négase a pedir colaboración do seu partido na Xunta porque non quere que lle vaia ben a Soutomaior, pesan que se lle vai mal a Soutomaior lle vai a ir ben ao PP e dedícanse a facer oposición a Soutomaior. Por esta razón se negan a sumar e pedir colaboración doutras administracións como é no caso da Xunta de Galicia” ao que o alcalde engadiu que “houbo un tempo no que o PP de Soutomaior era unha organización política seria e hoxe soamente quedan os resto do que foi o PP, soamente así se entende que non queiran que a Xunta invista en Soutomaior”.