Pontevedra rexeita a suba de Sogama
Pontevedra, 26 de xullo de 2024. O Concello de Pontevedra aprobou esta semana en Xunta de Goberno Local unha declaración de rexeitamento á suba de Sogama polo tratamento dos residuos, toda vez que non só se eliminou a bonificación do 10 % que se tiña establecido, senón que se incrementou esta en 20 euros por tonelada.
Nese sentido, a tenente de Alcalde, Eva Vilaverde, sinala que esta medida é un “sablazo” que fará que “a veciñanza pague o fracaso do seu sistema e da mala xestión da Xunta de Galiza”. Doutra banda, lembra que “o modelo de Sogama é obsoleto, centralizado e antiecolóxico, como demostra o feito de que Galiza se sitúe á cola en reciclaxe, lonxe aínda de cumprir cos criterios que marca Europa”. Neste sentido, a porcentaxe de reciclaxe en Sogama no 2020 foi do 21 %, cando a UE marcaba case o 50 %.
Sogama: un sistema obsoleto, centralizado e que nos pon á cola en reciclaxe
Cómpre lembrar que no ano 2024 o canon era de 66 euros por tonelada (+IVE), mais suxeito a unha bonificación se se fai a recollida separada de bioresiduos, até 56,10 euros por tonelada. O montante total foi de 27.457,26 toneladas, o que facendo contas supuxo un gasto de 1.694.387,51 euros.
Coa nova taxa estímase que neste 2024 subiría 660.000 euros, até os 2.357.346,06 euros — tomando como referencia as mesmas toneladas anuais—. Por suposto, sería aínda máis no ano 2025, que coas mesma cantidade de residuos chegaría até os 2.659.372,92 euros, preto dun millón de euros por riba do pagado no 2023.