Os cadros de luz da cidade pasarán a contar anécdotas, singularidades e historias de Pontevedra
Pontevedra, 26 de xullo de 2024. Pontevedra está a proceder ao embelecemento e mellora do espazo público a través da renovación estética e exterior dos cadros de luz situados na cidade de Pontevedra.
Trátase dunha actuación que chega logo da renovación e actualización destes elementos de xeito interno, e que procurará darlles un novo uso informativo e divulgativo, máis aló de ser caixas cun uso técnico e sen atractivo ningún.
“Detectamos que moitas das caixas dos cadros eléctricos estaban pintadas e maltratadas, ofrecendo unha mala imaxe. Pensamos e decidimos actuar sobre elas para corrixir este feito e para disuadir accións vandálicas no futuro”, sinalou o concelleiro Xaquín Moreda.
En total, serán cubertas un total de 31 caixas de control do alumeado público cunha vinilaxe feita para a ocasión por Polo correo do vento. Os seus deseños contan anécdotas e singularidade sobre Pontevedra, aportan datos históricos ou poñen a pé de rúa distintos persoeiros que tiveron relevancia na Boa Vila.
Cada caixa contará cun deseño único no que se achega información próxima en relación coa rúa ou co barrio onde está situado o elemento en cuestión. Nesta primeira quenda de actuación serán colocados dez vinilos distintos nos seguintes puntos da cidade: Andrés Muruais, Augusto García Sánchez, Gutiérrez Mellado, Echegaray, García Camba, Paseo de Colón, Praza de Galiza e Raíña Vitoria.
A medida que se fagan novos deseños serán colocados nas súas respectivas localizacións. Como cada cadro é distinto nas súas medidas, así o será tamén a súa información.