Soutomaior pon en marcha o "Plan Ría Viva" para eliminar os verquidos á ría de Vigo
Soutomaior, 31 de xullo de 2024. O Goberno Local de Soutomaior pon en marcha o Plan Ría Viva co fin de acabar cun dos problemas herdados das anteriores corporacións do Partido Popular que é a “caótica” rede de separativas de pluviais e de fecais na que se mesturan as augas pluviais e fecais provocando verquidos contaminantes á Ría de Vigo e a saturación da Depuradora.
O Goberno Local leva varios meses traballando neste Plan Ría Viva, para dar solución a este grave problema e que está a provocar importantes problemas ambientais xa que os residuos fecais acaban directamente no mar sen depurar.
Na actualidade existen puntos de verquidos sen separativa de pluviais e de fecais e, en episodios de chuiva, a depuradora colapsa ao recibir un caudal de auga de chuiva que non debería de chegar á EDAR.
Con este Plan sobre a mesa arrancan as primeiras obras cun investimento de máis de 100 mil euros no treito que vai dende a Alameda de Talo Río ata Cagazó coa separativa da rede de pluviais, e sen setembro, acometerase a separativa dende Roxelio Landeiro a Ponte Sampaio co fin de corrixir os verquidos á Ría nesa contorna.
O Plan Ría Viva é un proxecto para o que o Goberno solicita colaboración de diferentes administracións, como a Xunta de Galiza e o Ministerio de Fomento.
O concelleiro de obras Pablo Garrido destacou que “agora mesmo a situación da rede de saneamento supón un dos principais retos que ten o concello de Soutomaior por diante na vindeira década. É urxente poñerlle solución a un saneamento caótico que esixirá dos esforzos e achegas de todos”.
En relación a este Plan o alcalde, Manu Lourenzo, dixo que “a Ría de Vigo é un dos grandes tesouros da nosa contorna, o modelo de saneamento que se levou a cabo en Soutomaior durante décadas está a provocar situacións que debemos abordar con urxencia e seriedade. O Plan Ría Viva é unha iniciativa que pretende coidar a ría e apostar polo medio ambiente”.