Pontevedra prepárase para un Entroido de cine

Presentación entroido
Presentación entroido
Pontevedra prepárase para un Entroido de cine

Pontevedra, 14 de febreiro de 2025. Pontevedra albisca xa o seu Entroido. Todo apunta a que, un ano máis, o loro Ravachol non logrará superar a súa doenza e Pontevedra e a súa veciñanza velarán os seus restos, que serán incinerados na Ferraría, continuando coa tradición. Polo camiño haberá choros e lamentos, mais tamén haberá festa, sorpresas e, como non, disfraces e retranca. 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o edil de Cultura, Demetrio Gómez, presentaron este venres, 14 de febreiro, o programa completo do que será o Entroido pontevedrés. O Concello de Pontevedra presenta o conxunto de actividades habituais, que inclúen a recepción do alcalde a Urco, o tradicional desfile, o velorio do querido loro Ravachol, a Noite Pirata, o XXXIII Concurso de Murgas, a XXVIII Mostra da Parodia ou a recreación da Botica de Don Perfecto Feijoo; na parte máis festiva. 

No ámbito máis cultural, aparecen as XIII Xornadas sobre o Entroido de Galiza, no Teatro Principal, que se desenvolverán os días 14 e 15 de marzo. Doutra banda, figuran as xornadas gastronómicas, realizadas en colaboración co Centro Comercial Urbano-Zona Monumental, onde distintos establecementos hostaleiros ofrecerán degustacións e menús típicos de Entroido durante as vindeiras datas. 

A comparsa Las Flores del Carnaval, de Monte Porreiro, será a encargada de iniciar como tal este período festivo, coa lectura do pregón o vindeiro venres, 28 de febreiro, na Ferraría. 

Como novidade máis importante, cómpre sinalar que este ano non existe un único cartaz de Entroido como tal, senón que son 10 os que figuran con tal distinción. Trátase duns deseños realizados polo alumnado da Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración Garaxe Hermético, nos que revisan distintos carteis lendarios de películas estatais e internacionais, mais cunha ollada pontevedresa e retranqueira. 

Estes cartaces, xunto con outros deseños do alumnado da escola, poden ser ollados na mostra ‘Un entroido de cine’, no primeiro andar do Mercado. 

Os cartaces oficiais do Entroido, así como o resto o programa detallado e ao completo pode ser consultado na páxina web do Concello de Pontevedra

O concelleiro Demetrio Xunqueira sinalou durante a presentación que este será un Entroido “especial”, lembrando a implicación de toda a veciñanza á hora de facer entre todos e todas unha festas especiais e divertidas. “Como irá vestido Ravachol? Saberémolo pronto, agardamos que nunhas semanas”, sinalou. “A idea inicial sobre o cartaz era seleccionar só un cartaz, mais a calidade era tan alta que finalmente 10 alumnos e alumnas viron os seus esforzos e a súa creatividade recompensados”. 

“Imos ter algo máis dunha semana chea de actividade, tanto nas parroquias como na cidade. Estamos encantados e desexando ver como Pontevedra que este sexa o mellor entroido urbano da Galiza”, finalizou. 

Pola súa banda, Fernández Lores quixo manifestar o seu agradecemento “a todas as persoas que traballan durante todo o ano para que isto sexa posíbel e que poidamos celebrar un Entroido destas características”. «A participación sempre é espectacular e só podemos estar encantados nese sentido, xa que contaremos con máis comparsas que nunca, por exemplo. Coido que é imposible non estar satisfeito e namorado desta cidade e da súa participación tanto en eventos deportivos como culturais, como festivos”. 

Pontevedra prepárase para un Entroido de cine