Comeza o proceso de selección do persoal de vías e administrativo para 2025 en Soutomaior

Comeza o proceso de selección do persoal de vías e administrativo para 2025 en Soutomaior

Soutomaior, 17 de febreiro de 2025. Esta semana dará comezo o proceso de selección do persoal que realizará traballos de mantemento de vías e administrativos en Soutomaior durante o ano 2025. En concreto, as prazas ofertadas polo Concello son 10 postos de peón forestal, outros 4 postos de varredor/-a e 3 postos de albanel. Desta maneira, Soutomaior incorporará case unha vintena de persoas á cuadrilla de obras para levar a cabo mantemenento de vías e a limpeza de rúas. A maiores o Concello tamén oferta un posto de auxiliar administrativo e outro para auxiliar da biblioteca. 

Este proceso de contratación pública está marcado en todo momento pola transparencia impulsada polo Goberno de Soutomaior. Así, a finais de xaneiro o Goberno local fixo públicos nas oficinas, nas redes sociais e nos medios de comunicación os códigos que os veciños que así o quixeran tiñan que presentar na Oficina de Emprego para poder optar ás prazas. Trátase do segundo ano consecutivo que o Goberno de Soutomaior publica estes códigos para que todos os veciños e veciñas estivesen en igualdade de condicións. Unha iniciativa que antes do comezo do actual mandato non se viña facendo. 

Unha rematado o prazo de presentación de candidaturas, a Oficina de Emprego realiza de maneira independente unha primeira escolla de candidaturas para cada unha das prazas ofertadas. A Oficina de Emprego manda este listado ao Concello de Soutomaior, que se encargará de solicitar ás persoas que opten ás prazas a documentación requirida. Unha vez entregada e confirmada que toda está en orde, as persoas candidatas deberán realizar unhas probas de aptitude que serán avaliadas por un tribunal indepente sen relación algunha co Goberno de Soutomaior. 

Está previsto que a primeira tandada de traballadores municipais estea activa a mediados de marzo. A partir dese momento a incorporación do persoal de rúa realizarase de maneira escalonada co obxectivo de que haxa persoal a maior parte do ano e que nos meses de maior necesidade, o concello conte coa totalidade das persoas contratadas de maneira activa. Así, nos meses de verán, a cuadrilla de obras municipal estará integrada por máis de 20 persoas que se encargarán de manter o concello limpo e en boas condicións. 

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “Soutomaior traballa para ter a mellor cuadrilla de obras da súa historia, co obxectivo de manter os nosos barrios limpos e como merece a nosa veciñanza. Todo isto a través dun proceso de contratación realizado con total transparencia e en igualdade de condicións. Así é como se constrúe un Soutomaior que avanza en todos os ámbitos e que está á altura da nosa veciñanza”. 

Comeza o proceso de selección do persoal de vías e administrativo para 2025 en Soutomaior