A avaliación de Noites Abertas demostra o éxito e a vixencia dun programa que volve romper o seu teito de participación
A dirección de Noites Abertas mantivo unha xuntanza co edil de Xuventude, Demetrio Gómez, co fin de facer unha avaliación do que foi esta última edición do programa, na que se chegou ao medio cuarto de século, 25 anos, ofrecendo actividades alternativas de lecer para a mocidade de Pontevedra.
Pontevedra, 22 de abril de 2024. Noites Abertas 2024 recuperou o nivel de persoas usuarias anterior á pandemia da Covid-19 -e mesmo as superou en ratio de persoas por actividade- polo que quedan atrás eses anos de adaptación e reactivación. Até 2.516 usuarios ou usuarias pasaron nesta edición por algunha das 137 actividades propostas, que contaron con 148 monitores e monitoras.
Doutra banda, tamén queda constancia na avaliación de Noites Abertas do éxito e interese que espertan as actividades, pois máis do 95 % contou coa presenza da mocidade durante a súa celebración. Ademais, espazos coma o Local de Música despegou como un lugar máis a raíz da boa participación nas actividades que se celebraron no mesmo.
Doutra banda, as actividades libres e de lecer alternativo -badminton libre, tenis de mesa libre ou o Espazo Aberto- funcionan de maneira excelente como espazos seguros e diversos, consolidándose entre a rapazada que acude a eles coa premisa de pasalo ben e improvisar interaccións, conversas e demais. Neste eido, o Espazo Aberto de Noites continuou a medrar como un recurso valioso para acoller ás persoas que non participan noutras actividades, sendo este un espazo mellorado este ano coa inclusión dunha dinamizadora que engadiu un carácter máis lúdico.
O ratio de persoas por actividade supera ao do 2019, recuperando as cifras de usuarios pre-pandemia e recibindo críticas positivas en todas as actividades realizadas
A dirección de Noites Abertas tamén destaca que este é un programa máis que asumido por toda a mocidade pontevedresa, que sabe da súa existencia, que o valora, e que ven nel un carácter non discriminatorio, unha presenza equilibrada de xénero e unha asistencia uniforme ao longo de todas as xornadas.
Porén, e sempre na procura da excelencia e da mellora, algunhas das medidas propostas durante a xuntanza de avaliación pasaron pola actualización de formación en igualdade para acadar un nivel aínda máis alto -tendo en conta sempre que Noites Abertas parte de ser un espazo recoñecido coma seguro e cos seus traballadores e traballadoras ben concienciados nesta materia-, e traballar en eidos como a mecanización oral da linguaxe igualitaria e non sexista. Ademais, tamén foi debatida a posibilidade de retirar ao público das actividades de fútbol para manter ese espazo seguro e reservado para as persoas de idade de Noites Abertas.
Desde a dirección do evento, agradeceron a todas as persoas que formaron parte desta emblemática 25 edición. “É un privilexio contar coa vosa participación, dedicación, ilusión, profesionalidade e entusiasmo. Vós fixestes posible non só o éxito deste edición, senón tamén a continuidade e o crecemento deste proxecto ao longo dun cuarto de século. A vosa contribución a Noites Abertas é inestimable”.