O Goberno local de Pontevedra confirma a veciños e comerciantes que non modificará o Peprica e non devolverá o centro histórico aos anos noventa
Pontevedra. 19 de abril de 2024. A tenente de alcalde Eva Vilaverde e o concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña mantiveron unha reunión coa asociación de veciños Santa María, representada entre outros pola súa presidenta, Pilar Señoráns, e coa asociación de comerciantes Zona Monumental, representada polo seu presidente, Miguel Lago, para abordar a pretensión dos grupos da oposición municipal, PP e PSOE, de modificar o Plan especial do centro histórico (Peprica) para dar cobertura a accións ilegais e ilegalizables realizadas por algúns establecementos de lecer nocturno.
O Goberno local deixou claro tanto a veciños como a comerciantes que mentres o BNG estea na Alcaldía non se modificará o Peprica con ese obxectivo, xa que suporía perder a harmonía da convivencia acadada en máis de 20 anos de transformación.
De feito, os representantes do Goberno escoitaron as peticións dos residentes que se resumen en facer unha aplicación máis rigorosa do Peprica para manter un centro histórico vivo. Ademais, trasladáronlle o seu malestar porque os partidos políticos que levan a pleno a modificación do Plan especial non tiveron en conta aos residentes do centro histórico, nin se puxeron en contacto con eles para informarlles das súas pretensións, que non son outras que dar cobertura a accións ilegais.
Eva Vilaverde e Alberto Oubiña confirmáronlles que o Goberno local está en absoluta sintonía con eles, que defenderá sempre a sensíbel convivencia do centro histórico -a xoia da coroa da cidade-, e que non vai consentir que se volva á década dos anos noventa.