A Pontevedrada sairá da praza do Concello o 27 de abril
Pontevedra, 19 de abril de 2024. O 27 de abril sairá da praza do Concello de Pontevedra unha nova edición da Pontevedrada, que ten como obxectivo é concienciar á poboación sobre a importancia que ten a doazón altruísta de sangue, órganos e tecidos.
Clásica e ben coñecida en Pontevedra, a Pontevedrada é unha marcha nocturna e ininterrompida a pé, de 67 quilómetros, a través do Camiño de Santiago Portugués, desde a cidade de Pontevedra ata a praza do Obradoiro en Santiago de Compostela.
O rexedor lembrou que esta será a edición número catorce, desde que se comezou a organizar. Acompañado do presidente de Asampo, Fran Pérez, Fernández Lores quixo destacar o labor realizado polo colectivo a través dunha cita que, nesta ocasión, sairá da praza do Concello o vindeiro 27 de abril.
“Este ano partirán 1.154 persoas, máis que no ano pasado, e que só pode ser definida como unha cifra importantísima”, explicou. “Colaboramos co evento de xeito activo, ofrecendo un dispositivo que garanta a súa saída de Pontevedra e tamén co aluguer de dous autobuses nodriza para recoller a toda esa xente que por calquera motivo non poida continuar o traxecto e queira regresar ou chegar até Compostela”.
“É fundamental doar sangue, tecidos e órganos. Que sexamos un dos países que máis doantes ten é grazas ao traballo dos voluntarios como Asampo, que fomentan e visibilizan este tema”, finalizou o rexedor.