VALORACIÓN DO 1º ANO DE GOBERNO DO PP

Poio: un ano de retrocesos

Poio: un ano de retrocesos
Poio, 11 de xullo de 2024. O BNG de Poio realizou este xoves 11 de xullo de 2024 unha rolda de prensa para valorar o primeiro ano de goberno do PP no concello.

“Un ano de retrocesos” así resumíu a portavoz municipal, Marga Caldas, o primeiro ano de goberno do PP en Poio. Para o BNG, o de Ángel Moldes é un goberno que non avanzou en ningún proxecto importante para Poio e que só “vive de rendas dos proxectos xa iniciados polo anterior equipo de goberno”.

Porén, o proxecto máis necesario e demandado pola veciñanza, que é un novo centro de saúde, e para o cal o anterior equipo de goberno deixou o traballo feito ao mercar os terreos da Canteira de Graña, está totalmente paralizado. Na actualidade estes terreos foron convertidos polo goberno do Partido Popular nun vertedoiro. “Esta situación é un exemplo máis do desleixo que o novo goberno ten polos servizos públicos da nosa veciñanza”. Afirman tamén que aqueles proxectos que foron paralizados pola Xunta durante anos seguen bloqueados tales como a mellora da seguridade viaria na PO-308 ou o polígono de Fragamoreira.

Ademais, unha das cuestións que sinalaron na súa comparecencia foi que os espazos públicos do concello sofren un abandono xeneralizado. “Os veciños e as veciñas puideron percibir neste ano como se abandonou o mantemento de zonas verdes e sendeiro azuis”, afirma Caldas, o que segundo os nacionalistas xa está a xerar un visíbel descontento entre a veciñanza de Poio.

Con respecto á xestión económica “o Partido Popular mentiu a todos os veciños de Poio para chegar ao goberno” sinala Marga Caldas, pois durante os seus anos na oposición afirmaron que baixarían os impostos e que o concello tiña unha débeda demasiado avultada. Unha vez no goberno o Partido Popular non só non baixou os impostos, senón que mesmo aprobou novas operacións de crédito como o contratado por máis de 700.000 euros en setembro do 2023. 

Outra cuestión que foi bandeira do Partido Popular na oposición fora a dos soldos públicos. E aquí, para o BNG tamén se amosa a hipocrisía do goberno de Ángel Moldes. Afirman que non hai máis ca ver os soldos que teñen os edís do PP que chegan a custarnos a todas e todos millóns de euros nun só mandato. “E non só iso, senón que no último ano, para tratar de suplir as carencias do seu equipo de goberno, totalmente incapaz de afrontar as necesidades do noso concello, Moldes tivo que contratar un asesor externo a maiores, pagado cos cartos do peto de todos os veciños e veciñas de Poio”.

“Dous enganos máis poden servir para resumir a hipocrisía deste goberno municipal: a promesa electoral incumprida de tratar de recuperar o servizo de pediatría polas tardes no noso concello, que quedou no esquecemento ao día seguinte dos comicios, como é costume, ou a non renovación do contrato caducado da xestión do lixo coa empresa Valoriza, que nos está levando a unha situación límite mesmo coa convocatoria dunha folga por parte dos traballadores”, sinalou Caldas.

Desde o BNG acusan ao alcalde e ao grupo de goberno, da clara regresión de Poio, sinalando que se escudan no resultado electoral que os leva a “actuar sen mirar polo ben da xente á que gobernan, xogando cos cartos de todos e como se o concello fose unicamente da súa propiedade".

"Desde o BNG non cansaremos de defender os intereses de todas e de todos e seguiremos a realizar unha oposición activa fronte á parálise e retroceso á que nos leva este goberno”, concluíu a portavoz nacionalista. 

Poio: un ano de retrocesos