NO PROXECTO INVESTIRASE CASE UN MILLÓN DE EUROS

Pontevedra comeza a instalación dos medidores da calidade de aire que permitirán un control exhaustivo á hora de procurar melloras na vida da veciñanza

Pontevedra comeza a instalación dos medidores da calidade de aire que permitirán un control exhaustivo á hora de procurar melloras na vida da veciñanza

Pontevedra, 12 de xullo de 2024. Aínda que Pontevedra  conta desde hai xa tempo que con Zonas de Baixas Emisións, que inclúen toda a cidade compacta e Monte Porreiro, o goberno municipal continúa a adoptar medidas para “seguir mellorando”. 

Así, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores indicou que ao longo dos vindeiros meses serán instalados distintos medidores por Pontevedra, que controlarán e medirán a calidade do aire en tempo real, os 365 días do ano. En total, serán instalados seis medidores, aos que se suma o xa existente en Campolongo, tecendo toda unha rede de control do aire ao longo de toda a cidade, o que permitirá facer medicións moi precisas. 

Os seis novos medidores serán instalados en Monte Porreiro, no barrio do Burgo e, en distintas zonas da cidade. No referido a estes últimos, os técnicos están agora nunha fase inicial onde van comprobando e probando cales serían as posición idóneas.

“Nun tempo contaremos cun mapa da contaminación da cidade para logo decidir a localización definitiva destes medidores”, explicou Lores. “Poranse onde os parámetros sexan peores, para poder así seguir controlando esa zona e procurar medidas que melloren a calidade de vida das persoas que alí se atopan ou que por alí pasan”. 

Medirán porcentaxe de monóxico de carbono no aire, de dióxido de cárbono, de óxido de nitróxeno, o ozono troposférico, o dióxido de xofre, o dióxido de nitróxeno e compostos orgánicos tamén (COVS). Ademais, os medidores contarán cun sensor óptico para coñecer as micro particulas PM1, PM2.5 e PM10, xunto co ruído ambiental, a temperatura, a humidade relativa do aire e a presión atmosérica. 

“Son uns aparatos da máis alta tecnoloxía posíbel que nos permitirán, posteriormente, tomar decisións de cara á mellorar eses parámetros, o que incidirá na calidade de vida das persoas desta cidade”, sinalou. “Todo isto é posíbel porque apostamos por ter unha cidade cunha alta calidade de vida en todos os ámbitos. A calidade do aire na cidade é boa pero cremos que temos aínda marxe para que sexa mellor”. 

Pontevedra comeza a instalación dos medidores da calidade de aire que permitirán un control exhaustivo á hora de procurar melloras na vida da veciñanza