Sete novos composteiros comunitarios extenden a compostaxe na cidade
Ademais destes sete novos composteiros, un será instalado no futuro, á espera do traslado da base necesaria para a súa correcta localización.
A día de hoxe, o concello de Pontevedra conta cun total de 24 composteiros comunitarios, dos cales 21 son de dez módulos e 3 son de seis módulos. Con esta nova quenda de instalacións chegarase até os 31 composteiros (+1 pendente).
Tal e como explicou o edil, os composteiros da cidade recollen na actualidade un total aproximado de 366 toneladas de residuos orgánicos anuais.
Os novos composteiros ubicaranse nas rúas Josefina Arruti, Grecia, Antonio Taboada Nieto, Parque Amalia Álvarez, Camiño Vello de Castela, Pasarón e rúa das Devesas
Campaña informativa
Xunto coa colocación destes novos equipamentos tamén se realizarán campañas informativas para que a veciñanza poida obter o seu caldeiro persoal para facer a recollida no fogar de xeito máis doado, ao tempo que se lle ofrece a todo o mundo que se achegue até os composteiros información de primeira man.
Tanto o reparto destes elementos como a distribución da información farase ao carón dos composteiros, en horario de 18.00 a 20.00h na Rúa Josefina Arruti (15 de xullo), Rúa Grecia (17 de xullo), Rúa Antonio Taboada Nieto (18 de xullo), Parque Amalia Álvarez (22 de xullo), Camiño Vello de Castela (24 de xullo), Pasarón (29 de xullo) e Rúa das Devesas (31 de xullo).
“En Pontevedra fomos pioneiros na compostaxe, algo que non sería posíbel sen a colaboración e participación de todos os veciños e veciñas do concello, que están realmente sensibilizados coa reciclaxe e co medio ambiente, que saben que este é un sistema sustentábel”, indicou Moreda. “Reducimos as emisións de CO2, mellora a biodiversidade e tamén permite que o prezo da taxa de lixo se reduza”.