Mosquera: “Este foi o ano máis rocambolesco e estraño que vivín na Deputación de Pontevedra deste que teño lembranzas”
Pontevedra, 9 de xullo de 2024. O portavoz do Bloque Nacionalista Galego na Deputación de Pontevedra, César Mosquera, quixo ofrecer este martes, 9 de xullo, unha valoración do que foi o último ano da Deputación de Pontevedra co Partido Popular ao fronte do seu goberno. O deputado provincial quixo ser clarificador desde o primeiro minuto, sinalando que foi “o ano máis rocambolescto e estraño que vivín na Deputación deste que teño lembranzas”.
“Quixemos que pasasen estes actos que xiraban ao redor do aniversario para poder ver por onde ían os tiros e facer unha valoración o máis obxectiva e acaída posíbel”, indicou. “Podo dicir que este ano só é comparabél ao ano do 2002-2003, cando Abeledo era presidente pero quen exercía realmente era Louzán cunhas guerras entre eles tremendas, con todo parado e provocando un auténtico follón”.
Mosquera explicou que para a análise deste primeiro ano de Goberno é preciso partir da mesma elección do presidente, cando Marta Fernández Tapias entrou na Deputación “sendo presidenta, ou exercendo como tal, para logo dar a espantada. Nunca tal vivín”. “Naquela época de cambio de Goberno foron xestadas varias cousas que aínda hoxe colean e que agardo que se superen polo ben da institución”.
Así, dentro deses asuntos, o voceiro provincial do BNG puxo o foco a aprobación do proxecto para os edificios centrais do Museo de Pontevedra, que quedara listo para a súa adxudicación o que permitiría o comezo das obras antes de rematar o ano 2023. “O 19 de maio do 2023 foi a pleno e o PP votou en contra. Non foi unha gran sorpresa: dicían non sei que da conexión soterrada, que se era era moi cara… tropecientas desgrazas e demais. Hoxe vivimos as consecuencias: o proxecto está parado e agora nin sabemos realmente que está pasando con el. O que antes era unha conexión inviábel para a que mesmo colleron sinaturas, agora é algo ‘innegociábel’ seguindo as súas palabras”.
O deputado nacionalista lembra que o risco de perder os fondos para esta obra é totalmente real, máis aínda cando a obra podía estar xa iniciada e en marcha. Doutra banda, Mosquera lembrou que apenas uns días despois das eleccións municipais -o 30 de maio-, o Partido Popular remite un escrito á Deputación para que “non se faga nada, que non se tome ningún acordo pola corporación en funcións. Non di que non se faga nada co que eles estivesen de acordo, algo que permitiría pensar en posíbeis xuntanzas de portavoces e pensar en gañar tempo con algúns proxectos… Non, foron claros: non querían que se fixese nada, como é o caso de Santa Clara”.
Nese sentido, Mosquera ve claro que no caso da rehabilitación do antigo convento había unha intención clara de paralizar o proxecto. Fía este feito á entrada dunha maioría entre os populares que tiña en mente parar, revisar e desfacer todo. “Curiosamente, a maioría destes deputados non tiñan nin idea do funcionamento da institución provincial. Outros, bastantes máis sentatos, non estaban por este labor”.
O voceiro provincial do BNG enumerou unha serie de accións ou capítulos que cómpre destacar ou subliñar, como “o espectáculo coas exclusivas aínda sen aclarar”, a desaparición do Plan Revitaliza, do Ágora, os cambios na dirección do Museo -anunciaron o ano pasado que ían nomear un novo consello asesor e aínda non existe- e o concurso para nomear un novo director -que non se realizou-, o descabezamento da dirección de Infraestruturas…
“Certo é que esta deriva chegou ao seu punto culminante no pleno do 20 de novembro, con todo parado, e o único que lles preocupou foi convocar un pleno extraordinario para a amnistía, que non tiña nin proxecto de lei, o que foi unha ocupación da institución, seguindo as directrices de Madrid ao pé da letra”, sinalou Mosquera. “Semella que a partir de aí o presidente colleu o control da situación, máis ou menos, e estabilizou algo, mais as decisións que tomaron quedaron aí. Algunhas, por sorte, como é Santa Clara, volveron para atrás; outras non lograron resolvelas”.