Soutomaior solicita a vixilancia do tráfico no río Verdugo
Soutomaior, 10 de xullo de 2024. O Goberno de Soutomaior vén de solicitar á Garda Civil e aos organismos competentes que se leve a cabo a vixilancia do tráfico no río Verdugo. Faino despois de detectar e tamén recibir avisos veciñais por varios vehículos motorizados (principalmente motos de auga) que excedían a velocidade permitida de navegación polo río. Tal e como establece a normativa, a velocidade máxima permitida é de tres nudos (algo máis de 5,5 quilómetros por hora).
Tal e como trasladou o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, o obxectivo de solicitar esta vixilancia no río Verdugo é garantir a seguridade dos veciños e veciñas que desfrutan durante o verán das zonas de baño do concello, xa que poden verse arrolladas por este tipo de vehículos cando discorren polo río a unha velocidade excedida. O Goberno local tamén busca protexer a fauna e flora fluvial e de ambas as dúas beiras do río, que se ven especialmente afectadas por este tipo de vehículos motorizados. Así, ao longo do verán levaranse a cabo varios dispositivos de vixilancia, con especial énfase nas zonas de baño, para controlar que non se leven a cabo este tipo de infraccións.
O alcalde Manu Lourenzo sinalou que “desde o primeiro momento atopámonos a total predisposición dos organismos competentes para atallar o problema. É certo que a maioría de veciños e veciñas de Soutomaior que fan un uso correcto e seguro destes vehículos motorizados, pero garantir a benestar da veciñanza e dos e das visitantes que cada verán acoden ás nosas zonas de baño é primordial, polo que é necesario que se leve a cabo esta vixilancia para evitar situacións que ninguén queremos que pasen”.
Neste sentido, o alcalde solicitou a colaboración de toda a veciñanza, tanto facendo un uso responsable deste tipo de vehículos como dos e das que desfrutan das zonas de baño, polo que pide que calquera persoa que sexa testemuña dunha conduta temeraria o comunique de inmediato ás autoridades pertinentes. “O río é de todos e todas as veciñas de Soutomaior. Todos temos dereito a facer uso e desfrutar del, sempre e cando se faga desde o respecto á contorna e ás outras persoas que se atopan nel. Trátase de manter a boa convivencia e o respecto do que fai gala a veciñanza de Soutomaior, co obxectivo de que todos poidamos desfrutar dun espazo tan único dentro do noso concello como é o río Verdugo”, concluíu Manu Lourenzo.