Pontevedra potencia os Consellos Municipais da Muller Nova co obxectivo de ampliar a rede a todos os centros de secundaria, bacharelato e formación profesional da cidade
Pontevedra, 10 de xullo de 2024. A Concellaría de Igualdade, que dirixe Anabel Gulías márcase como reto do mandato ampliar a rede de Consellos da muller nova a todos os centros de secundaria, bacharelato e formación profesional do concello. Así o trasladou na reunión de balance do pasado curso escolar ante a presenza das técnicas do Centro de Información á Muller (CIM) e ante case unha vintena de docentes, pertencentes á práctica totalidade dos centros, que amosaron a súa boa disposición para seguir formando parte desta rede dos Consellos municipais da muller nova.
A experiencia estaba en marcha dende facía varios anos, pero coa pandemia sufrira un lixeiro estancamento. Anabel Gulías explicou que a dinamización do Consello Municipal da Muller Nova é un proxecto que “quere cocer a lume lento”, e no que vai seguir traballando durante todo o mandato, non só para afianzar a rede de profesorado senón tamén para intentar implicar ao alumnado dos diferentes IES, CIFP e CPR. De feito, xa hai media ducia deles que contan con Consellos de muller nova, é dicir, con estruturas permanentes de alumnado que durante todo o curso traballan na promoción da Igualdade na súa comunidade educativa. A idea é que a partir de agora, teñan unha rede de contactos que lles axude neste obxectivo.
Na reunión de balance tamén se informou das visitas realizadas aos centros de ensino durante o curso escolar para entrevistarse coas persoas responsábeis da materia. O concello quería coñecer a opinión do profesorado sobre a reacción que as actividades de Igualdade provocan no alumnado e, en xeral, sobre a actitude que os rapaces e rapazas teñen cara ao feminismo, así como a súa valoración sobre dos obradoiros e actividades que organiza o Concello.
Desde o departamento que lidera Gulías, considérase que o feito de contar, a partir de agora, coa práctica totalidade de centros, suporá un importante pulo para a súa actividade. Para o CIM é clave que as súas actividades en prol da Igualdade cheguen á mocidade pois detecta que cada vez hai maior porcentaxe de mozas entre as súas usuarias e tamén que os episodios de violencia comezan cada vez a idades máis temperás.
O profesorado entrevistado coincidía na necesidade de levar esta temática á aula, especialmente para contrarrestar os contidos que lle chegan á rapazada a través das redes. Mais recoñecían que, á hora de abordar a problemática na clase, atopaban certos hándicaps como o rexeitamento de parte do alumnado cara o feminismo, as actitudes machistas por parte dalgúns mozos e algunhas mozas, a falta de apoio de parte do claustro a actividades fóra do temario, ou a decisión de limitar a temática a datas sinaladas como o 8M, o 25N ou o 11F.
O encontro serviu para evidenciar que a maioría dos centros acusan as mesmas eivas mais tamén para pór sobre a mesa as posíbeis solucións que, como persoas expertas na formación da mocidade, propoñen: por exemplo, iniciar a formación afectivo-sexual en idades máis temperás, formar a profesorado e proxenitura para que teñan ferramentas coas que rebater as trolas que transmiten as redes, intentar implicar máis ao profesorado masculino, converter a Igualdade en materia transversal ou buscar novas linguaxes para intentar atraer ao alumnado. Ademais, foi unánime a consideración de que este intento do concello de crear rede para traballar de xeito conxunto e, sobre todo, o seu desexo de escoitar a quen máis trata co alumnado, é un primeiro paso moi positivo.