Lores visita o comezo das obras para as futuras 76 vivendas de promoción pública que se farán en Valdecorvos
Pontevedra, 10 de xullo de 2024. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado pola tenente de alcalde, Eva Vilaverde, e o edil de Urbanismo, Alberto Oubiña, participou esta mañá na visita proxectada pola Xunta de Galiza á construción de 74 vivendas de promoción pública no barrio de Valdecorvos.
O rexedor da cidade compareceu xunto co presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, e a conselleira de Vivenda e Infraestruturas, María Martínez Allegue. Fernández Lores lembrou que estas 74 vivendas non resolverán o problema da falta de vivenda pública na Boa Vila, "ao ser un problema realmente complexo en todo o Estado e en todo o país", mais ofreceu "os seus parabéns á Consellería á hora de adxudicar esta obra".
O alcalde sinalou que as anteriores vivendas deste tipo feitas na cidade foron entregadas no ano 2016. "Desde o Cnocello dámoslle os parabéns á Xunta polo inicio da obra e só podo dicir que remate ben, que estea cando teña que estar, e non pensar nun mes máis ou menos á hora de falar de remates", explicou. "Existe unha demanda de vivenda pública e o Concello de Pontevedra púxose a disposición da consellaría para poder traballar neste asunto. Buscamos outros terreos municipais e así llo fixemos saber. Das parcelas cedidas hai tres xa aceptadas: en Tafisa, na Parda e outra aquí, neste mesmo barrio de Valdecorvos. Son zonas boas da cidade, en crecemento".
Fernández Lores subliñou de novo que o Concello ofrecerá "todas as facilidades do mundo" sempre á hora de facilitar a creación de vivenda pública por parte da Xunta de Galiza.