Pontevedra, o verán que non para
Pontevedra, 8 de xullo de 2024. "O verán que non para", a definición perfecta para tratar de explicar que é o que durante os meses de xullo, agosto e setembro acontecerá en Pontevedra. As Festas do Verán cristalizan nun conglomerado emocionante e intensísimo de propostas de todo tipo, todas elas de balde, e pensadas para chegar ao maior número posíbel de público a través da diversidade e a variedade.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou na Praza da Peregrina o programa completo deste 2024 acompañado dunha representación das distintas empresas e colaboradores que fan posíbel as Festas do Verán. Máis de 30 empresas distintas da cidade que traballan para que toda a veciñanza e os visitantes da Boa Vila vivan “o verán da súa vida”, o que se traduce en máis de 2.000 traballadores e traballadoras.
O programa deste ano inclúe propostas musicais de todo os xéneros e estilos, animación de rúa, teatro, animación infantil ou cinema ao aire libre. Trátase dun conglomerado composto por preto de 30 ciclos distintos que inclúen ‘Cinema e Estrelas’, Titirivedra, Itineranta, Con voz de muller, Urbana Monte Porreiro, o Memorial Ricardo Portela, as Festas do Santiaguiño do Burgo, as xornadas musicais de San Roque, Animatrón, os Concertos Feroz, o Festixeve, Aquí cántase, o Festival de Jazz & Blues de Pontevedra e máis...
Dentro das Festas da Peregrina, sucederanse os concertos na Praza do Concello e na Praza da Ferraría. El Drogas, Delaossa, Caamaño & Ameixeiras, Nil Moliner, Shinova, Mondra, Óscar Ibáñez e Tribo, Pimpinela ou Fillas de Cassandra son algúns dos nomes que pasarán por ambos os dous escenarios. Cómpre sinalar que aínda restará por coñecer unha sorpresa, o luns 12 de agosto, a través dunha actuación que non pode ser revelada, pero que promete ser todo un acontecemento.
Alén da semana da Peregrina, o verán seguirá o seu camiño coa Festa do Demo, a XXIII Feira Franca o Lérez Up ou a programación deportiva que inclúe o Campionato do Mundo de Loitas Olímpicas Sub 20 ou a II Travesía a Nado Río Lérez.
O programa completo pode ser consultado no seu formato dixital na web do Concello de Pontevedra, ademais de ser descargado para maior comodidade. Pola cidade será posíbel atopalo en formato físico en distintos puntos da mesma, desde a sede do Concello de Pontevedra, até no punto de información turística da Alameda. O programa físico deste ano inclúe un imán para a neveira e un marco magnético que pode servir para poñer a mellor foto destes meses, a imaxe dun verán que non para.