Soutomaior acada o dato máis baixo de desemprego en xuño desde que hai rexistros
Soutomaior, 8 de xullo de 2024. O Concello de Soutomaior vén de acadar en xuño o dato máis baixo de desemprego nese mes desde que existen rexistros. Os datos facilitados pola Consellería de Promoción do Emprego da Xunta de Galiza constatan que o paro baixou en Soutomaior no pasado mes ata as 415 persoas. Con respecto ao mes anterior, supón unha baixada de 27 persoas, é dicir, un descenso do 6,1%. Con respecto a xuño de 2023, en Soutomaior hai 22 persoas menos desempregadas.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, salientou o traballo levado a cabo polo grupo de Goberno. “Trátase dun traballo diario e en constante contacto cos sectores económicos de Soutomaior para coñecer as súas necesidades e abrir vías de colaboración para seguir avanzando xuntos. Ese traballo acaba por verse referendado polos datos de desemprego que fai públicos a Xunta, e que sitúan a Soutomaior como un dos concellos punteiros da nosa comarca na baixada de desemprego”.
Neste sentido, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “o Goberno de Soutomaior segue traballando para que a taxa de desemprego descenda mes a mes. Mostra diso é a contratación dun orientador ou orientadora laboral grazas á consecución por parte do Goberno de Soutomaior dunha subvención de 28.000 euros. Con esta contratación, que se incorporará ao Centro de Benestar Integrado a partir de setembro, o Goberno de Soutomaior axudará aos veciños e veciñas que o precisen na procura de emprego”. Así mesmo, Lourenzo tamén salientou que o Goberno segue dando pasos co prestixioso arquitecto e urbanista Xabier Rivas Barreiro cara ao desenvolvemento do 'ecoparque' comercial e empresarial na Montesiña, que será "un antes e un despois para Soutomaior, tanto polo desenvolvemento económico como social que suporá para o noso municipio".
“Porque máis alá dos datos positivos, o obxectivo prioritario deste Goberno é que os veciños e as veciñas de Soutomaior teñan a mellor calidade de vida e poidan contar coas mellores oportunidades. Paso a paso estamos construíndo ese Soutomaior de futuro e cada vez máis do presente que non deixa a ninguén atrás e que pon en valor todo o potencial co que contamos”, concluíu Manu Lourenzo.