Arrendo a libros na Ferraría
Pontevedra, 5 de xullo de 2024. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, visitaron a sétima edición da Festa dos Libros, que está aberta desde hoxe até o domingo 7 inclusive. A Festa, feita en colaboración de trece librarías da cidade, reunirá a máis de 100 autores e autoras que participarán en máis de 90 actividades, tales como presentacións, faladoiros, contacontos, sinaturas de exemplares, recitais, talleres...
Durante tres días, os postos das librarías Aviones de Papel, Cao, Clip, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Erebor Cómics, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Metáfora, Libraría Paz e Seijas estarán abertos de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.30 h (agás o domingo que pechará media hora antes) e ofrecerán sinaturas de libros nos seus respectivos postos.
Venres 5
O programa de actividades para este primeiro día dará comezo ás 11.30 h coa presentación musical do libro-disco Ramona pequena vai á Lúa (Editorial Galaxia). O músico, compositor e produtor Paco Cerdeira, Pakolas, convida á cativada a unha nova aventura rockeira: a viaxar coa Ramona pequena desde os seus pensamentos ata a Lúa, desde as súas inquedanzas ata as súas xenialidades.
De seguido, ás 12.30 h, chegará unha nova sesión de Os vermús de Pinto e Maragota. A poeta María Carmen Caramés Grogal presentará a súa obra Todo o que doe, premio Pinto e Maragota pola diversidade sexual e de xénero, pola certeira representación da dificultade que supón, nesta historia, o amor entre dúas mulleres fóra das normas establecidas, así como a reivindicación do dereito a vivir o amor en liberdade. Contará co acompañamento musical de Gael de Papel.
Ás 18.15 h será a quenda das Mulleres protagonistas. A escritora e xornalista Eva Mejuto guiará unha conversa con mulleres escritoras con libros cuxas protagonistas tamén son mulleres. Este faladoiro contará coa participación de María Solar, quen presentará a súa obra Adeline; Rosa Aneiros, autora de A noite das cebolas; Llerena Perozo, co seu libro Os anos tranquilos; e Sara Vila, que falará sobre O incendio. Será, sen dúbida, unha oportunidade única para coñecer de cerca a estas autoras e explorar as diversas perspectivas literarias que cada unha achega á literatura contemporánea.
Unha hora despois, terá lugar a presentación do libro de Antón Lopo Diarios/1 [Azul Monforte], galardoado co Premio da Crítica Española en poesía galega. Baixo a forma de diario (ficticio), este poemario técese co azul dos ceos de Monforte, pero tamén de Santiago, Hío, Barcelona, Ons ou a India. Nel fúndense o doméstico e o onírico, o tránsito e a suspensión, as lecturas, as viaxes, a reflexión e os relatos, a vida e a morte.
A continuación, ás 20.15 h, da man da Librería Seijas, Esther Gili, recoñecida ‘debuxante de vidas’, conversará sobre a súa obra coa artista plástica e tamén ilustradora Ana Seoane. A autora madrileña deuse a coñecer por Encantadas, Palabras de sirena ou Olivia e as plumas; Asasinato no Orient Express é o seu último libro, onde pon imaxes á famosa novela de Agatha Christie. Con máis de 20 anos de traxectoria, a acuarela é a técnica coa que máis identificada se sente ou, polo menos, a que máis practica á hora de ilustrar.
A programación desta primeira xornada pechará ás 21.15 h co recital poético Trinca, protagonizado por tres poetas, amigos, en estado de plenitude, que exploran novas latitudes, cada un nunha dimensión singular, sexa coa ironía escéptica de Genaro da Silva, a nostalxia decadentista de Antom Fortes ou a conceptualización radical de Luís López Alonso. Chan da Pólvora une os seus destinos publicando, dentro da colección Sentulo, os seus traballos: Trânsito de Fortes, Gacela de Da Silva e Salífero de López Alonso, que se reedita agora coas fotos de Rafael Mallo, realizadas para o orixinal pero ata agora inéditas.
Sábado 6
A xornada do sábado comezará ás 11.30 h. cun espectáculo para a cativada a cargo de Polo Correo do Vento, títulado “Tinta do mar. Pequena biografía de Luisa Villalta”.
Unha hora máis tarde, ás 12.30 h., da man da libraría Paz terá lugar “Enfiando lecturas", presentada pola xornalista Teresa Cuíñas, e coa participación de Afra Torrado (banda deseñada), Branca Trigo (poesía), Edu Lavandeira (divulgación e Marta Estévez (narrativa),
Xa pola tarde a xornada comeza ás 18.15 h. con Tereixa Constenla, que presentará o seu libro “Abril é un país, os heroísmos descoñecidos da Revolución do Caraveis, coa participación dun dos protagonistas do libro, José Alves, e o militar Xosé Fortes.
Continúa ás 19.15 h. con Os amores difíciles, unha conversa entre Ángeles Caballero e Manuel Jabois.
Ás 20.15 e a obra de Palabra e música, presentado pola xornalista Ana López e a participación de Alberto Pombo e Antón Reixa.
A xornada rematará ás 21.15 h. cun concerto de Silvia Penide.
Domingo 7
O último día comezará ás 11.30 h. coas actividades destinadas á cativada, con Paco Nogueiras e Marc Taeger, presentando o libro-disco “Son animal”.
Ás 12.30 h., presentado pola escritora Tamara Andrés, terá lugar un faladoiro sobre Luisa Villalta, con Montse Pena, Mercedes Queixas, Montse Dopico e Xurxo Souto.
Xa pola tarde ás 18.15 h, a xornalista María Varela presentará a Ledicia Costas e o seu libro Pel de Cordeiro. Unha hora máis tarde, “aínda mortas colean” acollerá unha conversa entre Cristina Sánchez-Andrade e Ledicia Costas.
Ás 20.15, promovida por Espazo nobel e moderada pola xornalista Chus Gómez, terá lugar “A primeira vez”, con Laura Portas, María Alonso Seisdedos e Alba Guzmán.
A Festa dos libros porá o seu broche ouro ás 21.15 h. co concerto Muzikanti Balishnik, con músicas do leste de Europa.