O BNG solicita a mellora integral da estrada que une Borela co lugar de Mirón, en Ponte Caldelas
Cerdedo-Cotobade, 22 de xullo de 2024. O BNG vén de presentar unha moción no concello para urxir a mellora da estrada que une Borela co lugar de Mirón, en Ponte Caldelas, así como o traslado da súa titularidade á Deputación provincial, para darlle “coherencia”, en palabras do portavoz municipal, Ernesto Filgueira.
En días pasados, e a raiz de queixas de usuarios e usuarias, o BNG percorreu o vial que une a EP-0407 coa EP-0204, entre Borela e Mirón para coñecer in situ a situación do mesmo e certificar a demanda dun arranxo integral deste de vial de 3,6 quilómetros dependentes da Xunta de Galiza e que une as dúas estradas provinciais.
Entre as demandas veciñais, que o BNG fai súas, está a eliminación dalgunha curva, a ampliación do radio de outras e o aumento do ancho da estrada para que poidan circular comodamente dous vehículos en sentido contrario. Trátase dun vial polo que diariamente pasan multitudes de coches cara Ponte Caldelas e para o polígono da Reigosa, e que é usado para o tránsito peonil por veciños e veciñas de Borela e doutras parroquias de Cerdedo-Cotobade.
“Este uso peonil e o grande número de vehículos que circulan por esta estrada nos dous sentidos, fai necesario que na mellora da estrada se extremen as medidas para garantir a seguridade dos peóns e, polo tanto, que se adopten medidas para un calmado efectivo do tráfico”, afirmou o portavoz nacionalista, Ernesto Filgueira.
Ernesto Filgueira reclama tamén o cesión da titularidade dese treito de vial á Deputación de Pontevedra para darlle “coherencia”
“Queremos que o goberno municipal impulse, co apoio de toda a corporación, a mellora deste vial, e xestione coas administración involucradas, o seu traspaso á Deputación de Pontevedra, porque é o máis coherente, xa que une dúas estradas provinciais”, afirmou o portavoz nacionalista.