AS BANDAS GALEGAS FIXÉRONSE COS DOUS PRIMEIROS POSTOS
A Banda Municipal de Música de Caldas faise coa vitoria no "Ciutat de València"
A Banda Municipal de Música de Caldas de Reis fíxose coa vitoria no Certame Internacional de Bandas ‘Ciutat de València’, o maior referente a nivel mundial no seu ámbito, destacando polo seu bo facer e a súa xuventude. As e os 70 músicos participantes amosaron a súa mellor faceta na interpretación das tres pezas establecidas no programa e sorprenderon ao público e ao xurado.
O tenente de alcalde Manuel Fariña, que acompañou á banda en calidade de representante do Concello, pero que tamén participou como intérprete de trompa, destacou o gran traballo realizado e salientou o alto nivel da competición. Subliñou que todas as bandas terían sido merecedoras dalgún tipo de recoñecemento, máis neste caso foron a Asociación Cultural Banda de Música de Santádega (Ourense) e a Banda de Música Municipal de Caldas de Reis as que fixeron historia ao acadar os dous primeiros premios neste prestixioso concurso internacional, por primeira na historia.
Fariña puxo en valor, en calquera caso, a “soberbia actuación” da Banda de Caldas baixo a dirección de Javier Penido tanto ao interpretar a peza obrigada como a de libre elección e a de presentación. O xurado valorou a afinación, a calidade sonora e das dinámicas, a calidade artística da interpretación e a súa precisión rítmica.
A banda celebra a vitoria como homenaxe a Dani Portas
O tenente de alcalde de Caldas Manuel Fariña quixo subliñar en nome da Banda a satisfacción polo traballo feito este 2024 e sinalar o sentimento da inmensa maioría da agrupación de que a súa participación no certame era “unha homenaxe ao seu anterior director, Dani Portas, falecido o pasado ano”.
Fariña destacou tamén que a súa Concellería apoiará á Banda de Caldas na súa traxectoria en todo o que estea na man, xa que a participación no ‘Ciutat de València’ non só puxo de manifesto o talento musical existente en Caldas de Reis –“de primeira división”, insistiu-, senón que tamén valeu para dar a coñecer internacionalmente a vila termal no contexto cultural internacional. Abriu así a porta a futuras axudas para participar en vindeiras edicións. Neste ano o Concello achegou 10.000 euros para subvencionar á Banda no desprazamento e estancia durante o certame.