Os Premios Feroz xa se deixan notar nas rúas de Pontevedra
Pontevedra, 19 de xullo de 2024. O Concello de Pontevedra acaba de poñer en marcha a campaña de publicidade e promoción dos Premios Feroz, os galardóns de cine e televisión que concede a Asociación de Informadores Cinematográficos de España, e que farán de Pontevedra a súa sede nos anos 2025 e 2026.
O obxectivo non é outro que divulgar a importancia destes galardóns de cara a cidade, ao tempo que se tenta facer partícipe á propia veciñanza dos premios, nesta primeira fase de promoción.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, afirmou que “queremos que todo o mundo saiba, que imos ser sede dos Premios Feroz. Repartiremos 40.000 folletos, instalaremos publicidade na rúa... Os Premios Feroz serán un dos eventos culturais máis importantes xa non só de Galiza, senón do Estado e significa que Pontevedra é unha cidade moderna, unha cidade atractiva”.
“Queremos facer esta publicidade antes do verán para que a xente que nos visita saiba que Pontevedra conta con actividade cultural todo o ano. Teremos unha serie de actividades previas á gala do 25 de xaneiro”, explicou. “Quero, ademais, informar hoxe de que estaremos no Festival Internacional de Cine de Donostia para promocionar a gala pontevedresa. Isto será en setembro, e iremos convidados polos organizadores para facer ese chamamento a todos os presentes de que estarán convidados a vir até Pontevedra. Agardo que estes Premios Feroz sirvan para continuar esa proxección internacional que estamos a ter. Somos unha cidade dinámica, unha cidade na vangarda”.