O Concello de Pontevedra súmase ao manifesto da campaña Clean Cities que procura facer dos municipios espazos máis habitábeis e saudábeis
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, asinou o xoves, 26 de Xuño, un documento co que se compromete a seguir construíndo unha cidade sustentábel. Fíxoo acompañado das representantes da campaña Clean Cities Europa e de ECODES.
O obxectivo da campaña que promove Clean Cities é avanzar á hora de facer concellos máis habitábeis e saudábeis, centrados nas persoas, unha filosofía que encaixa á perfección con Pontevedra, e que como o rexedor lembrou, leva xa máis de vinte anos aplicándose na cidade e na súa contorna.
A sinatura tivo lugar nun acto institucional encabezado polo alcalde, acompañado por Barbara Stoll, directora de Clean Cities Europa e Carmen Duce, coordinadora da campaña no estado español.
A adhesión de Pontevedra foi acordada trala visita da campaña europea á cidade no marco do XXI Congreso Ibérico “A Bicicleta e a Cidade”, campaña que pon en valor a Boa Vila como modelo internacional de mobilidade sustentábel e urbanismo centrado nas persoas
Durante o evento, púxose en valor a transformación urbana de Pontevedra como unha referencia estatal e internacional. A campaña Clean Cities, activa en máis dunha decena de países europeos, ten como obxectivo acelerar a descarbonización do transporte e a recuperación do espazo urbano. No estado español as organizacións que forman parte son Con Bici, ECODES, Ecoloxistas en Acción, Saúde Por Dereito e IS Global.
Barbara Stoll destacou durante o encontro que "Pontevedra é un dos mellores exemplos en Europa de como as cidades poden transformarse cando hai liderado político e visión. Esta visita no contexto do Congreso Ibérico permitiunos coñecer de primeira man un modelo inspirador".
Carmen Duce, coordinadora estatala de Clean Cities, salientou que "as cidades deben actuar para recuperar os espazos públicos para as persoas de todas as idades, facilitar a mobilidade activa e o transporte público, e garantir que a contaminación se reduza ao mínimo, xunto coas emisións de gases de efecto invernadoiro. As Zonas de Emisións Baixas e outras iniciativas de restrición do tráfico, como as rúas escolares, cando se implementan con rigor e explicando ben á poboación os seus beneficios, son eficaces e ben recibidas pola cidadanía".