PRAZA DA FERRARÍA, DO 4 AO 6 DE XULLO
Trece librarías e un cento de autores e autoras participarán na Festa dos Libros de Pontevedra
Pontevedra prepárase para celebrar a próxima fin de semana – venres 4, sábado 5 e domingo 6 de xullo– a oitava edición da Festa dos Libros, que encherá a carpa situada na praza da Ferraría de literatura, escritores e escritoras, encontros coas letras e como en toda festa, música.
Organizada polo Concello de Pontevedra, a festa contará coa colaboración de trece librarías da cidade: Aviones de Papel, Clip, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Libraría Paz, Librería Escolma, Librería Metáfora, Librería Seijas, Librería Cronopios e Mononoke Manga.
A carpa permanecerá aberta ao público en horario de 11.00 a 14.00 h e de 18.00 a 22.30 h (agás o domingo, que pechará ás 22.00 h).
Un cento de autoras e autores e actividades
Ademais dos postos de venda das librarías, o evento reunirá un cento de autores e autoras que participarán en máis de cen actividades pensadas para fomentar a lectura e o amor polos libros. Entre os nomes máis destacados figuran Silvia Intxaurrondo, Arantza Portabales, Yolanda Castaño, Pedro Feijoo, Cristina Pato, Ulises Bértolo, Francisco Castro, Eva Mejuto ou Manuel Lourenzo, entre outros.
O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez Xunqueira, acompañado por representantes das librarías, presentou o programa, que inclúe propostas para todos os públicos e se abrirá os tres días con actividades pensadas para os máis pequenos e pequenas da casa.
venres 4
Unha das citas destacadas do venres será ás 12.30 h, coa mesa de Dinamización Lectora, na que participarán a bookstagramer galega Mónica Cores (@libroscontos), Luz Pérez, integrante do podcast Entreliñas, Samuel L. París, creador do videopodcast literario A Catapulta, e Pilar Fernández Ruíz, directora da Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra e voceira dos seus clubs de lectura. Este encontro amosará diversas maneiras de fomentar a lectura a través das redes, os medios dixitais e os clubs de lectura
Pola tarde, ás 18.15 h, o grupo Chévere, xunto coa editorial Kalandraka, presentará As fillas bravas de Momán, libro que recolle os cantos e os saberes de tres mulleres afoutas e irredutibles que viven a súa utopía feminista na aldea de Momán. Ás 20.15 h será a quenda de Solas en el silencio, o debut literario da xornalista e presentadora Silvia Intxaurrondo, cunha novela sobre o amor incondicional e a loita por sobrevivir a un destino xa escrito.
Como broche final da primeira xornada, ás 21.30 h terá lugar a actuación musical Serán das Letras, a cargo da asociación Duos Pontes.
Sábado de emocións e misterio
O sábado comezará de novo con literatura infantil e, ás 12.30 h, celebrarase unha nova edición de Enfiando lecturas, promovida pola Libraría Paz. Trátase dun espazo xa consolidado na Festa dos Libros para descubrir voces novas e propostas editoriais diversas. Nesta ocasión participarán Samuel Merino, co poemario Manual de camuflaxe; Xosé de Cea, co ensaio O que estou a dicir cando digo 'Altri non’; Laura Romero, autora da obra de divulgación A culpa foi de Zënzar. 35 anos de rock en galego; e María Besteiros, coa novela Ítaca.
Pola tarde, ás 18.15 h, celebrarase o faladoiro Íntimos, un encontro arredor da literatura da emoción e da experiencia persoal, coa participación de Cristina Pato (Fóra de foco), Francisco Castro (Eva tomando o sol) e Cynthia Menéndez (Son coma glaciares os barcos de aceiro). Ás 19.15 h será a quenda de NOIR, unha mesa arredor da novela negra e o misterio, con Arantza Portabales (Asasinato na casa rosa), Ulises Bértolo (Exitus) e Pedro Feijoo (Onde nacen as bestas).
Como peche da xornada do sábado, ás 21.30 h, terá lugar un recital poético da man da Editorial Discursiva no que participarán V. F. (Réquiem), Juan Seoane (Celia) e Esperanza Arrondo (Mar diminuto).
Un domingo de homenaxes e cantareiras
O domingo abrirase coa actuación de Polo correo do vento: Cantareiras. A poesía popular nas Letras Galegas 2025, un contacontos ilustrado con música, baseado no libro homónimo e dirixido a achegar a figura das homenaxeadas polo Día das Letras Galegas 2025. Ás 12.30 h, terá lugar o Vermú literario de Pinto e Maragota e, pola tarde, ás 18.15 h, un faladoiro arredor das cantareiras e as Letras Galegas con Eva Mejuto (Sei cantar e sei bailar), Andrea Nunes (Somos pandeireteiras), Carlos Callón (Maxicamente vella, eternamente nova. A literatura tradicional galega), Manuel Rico e Antón Santamarina (Eu non canto por cantar. Cancioneiro popular de Galicia), coa participación da cantareira Maite Casás.
A seguir, celebrarase unha das seccións fixas da festa: a homenaxe á traxectoria destacada, que nesta edición recoñecerá a poeta Yolanda Castaño, premio estatal de poesía en 2023, e ás 20.15 h, desenvolverase a mesa Novidades da LIX, centrada na literatura infantil e xuvenil, coa participación de catro voces singulares: Antonio Manuel Fraga (Como escorrentar un lobo) e Ramón D. Veiga (Maios e desmaios), cunhas traxectorias sólidas e recoñecidas; Manuel Lourenzo González (De cando os animais tamén eran xente), autor consolidado e prolífico, referente do xénero; e Diego Bará Louro (María Miramontes e Ánxel Casal), unha voz nova e prometedora, que aposta por unha literatura comprometida coa memoria e a educación en valores. Será unha mesa dinámica, que amosará diferentes olladas sobre o papel da LIX como ferramenta para formar, entreter e emocionar.
A Festa incluirá tamén actividades participativas organizadas pola Libraría Seijas, como o Cafeciño & Draw (sábado ás 18.00 h), que convida a coller os útiles de debuxo e compartir un café mentres se responden ás propostas creativas lanzadas por Alba Blanco, e Le connosco (domingo ás 11.30 h), unha actividade pensada para compartir lecturas en comunidade xunto cos autores Tamara Andrés, Ramón D. Veiga, Nuria Díaz e Andrea Barreira Freije que se celebrará na Casa da Luz. Ademais, nesta edición contarase coa visita de Orbil, que fará as delicias da cativada e animará a descubrir os libros dunha maneira divertida e moi especial.