O Concello de Pontevedra estuda tres posíbeis vías para solucionar ou paliar os anegamentos en Fernando Olmedo
Pontevedra, 26 de novembro de 2024. O Concello de Pontevedra está a estudar posibeis solucións para pór fin ou aliviar oa asilagamentos na rúa Fernando Olmedo, tal e como deu a coñecer o concelleiro César Mosquera após a Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos.
Mosquera lembrou que toda esta zona mudou radicalmente a principios do século XX, intre no que se constrúe e elimina a xunqueira natural que creaba a desembocadura do río Valdecorvos no río Lérez, tal e como queda recollido no informe solicitado pola Valedora do Pobo, no referido “aos problemas de acumulación de augas na contorna da rega de Valdecorvos”.
O informe ofrece un percorrido histórico e técnico polas diferentes actuacións que se levaron a cabo até chegar aos nosos días, “unha serie de actuacións desafortunadas que cos criterios de hoxe en día serían ambientalmente inaceptábeis, coma o desvío do curso do rego, a construción da avenida de Bos Aires cortando o vertido da auga de xeito natural, a desecación do delta da marisma e o enterramento do río baixo o CGTD”, orixinando os asolagamentos en Padre Gaite e Fernando Olmedo.
Porén, obras posteriores coma o desdobramento da tubaxe en 1.000 mm, por esas rúas, muros de encanamento antes da túnel de Casimiro Gómez ou a posta en servizo do tubo de 800 mm. conseguiron laminar a riada e diminuír a frecuencia destes episodios, mais sen chegar a eliminalos debido á influencia das mareas altas, que superan por moito a cota de desagüe do río Lérez e rebotan os seus efectos augas arriba.
César Mosquera, explica que se vén traballando desde hai meses neste asunto a agora comezarase a procura de financiamento para poder levar a cabo algunha das actuacións propostas desde os servizos técnicos municipais
Así, os técnicos municipais estiman que a mellor solución para este problema, e que por suposto se antolla imposíbel, sería a de recuperar na súa integridade o curso do río anterior a 1906, devolvendo o equilibrio intermareal ao sistema marisma-rio. Esta opción non é posíbel debido á cantidade de edificacións, infraestruturas e instalacións de redes básicas que se foron construíndo co paso das décadas.
Tal e como explicou o concelleiro de Infraestruturas, serían tres as solucións a estudar, buscar financiamento e realizar, inclusive, varias delas, non só unha, ao tratarse dunha problemática “realmente complexa” e cuxas posíbeis solucións “precisan de estudos previos para determinarmos a viabilidade de cada unha das actuacións propostas”.
As tres posíbeis actuacións a estudar e comprobar a súa viabilidade a todos os niveis administrativos, serían as seguintes:
1. Implantar unha zona inundable, regulada mediante comportas, no parque de Valdecorvos dentro da urbanización do mesmo nome. Neste espazo dun 6.000 m2 poderíase crear unha área de inundación controlada cuns 7.500 m3 de capacidade, con regulación mediante telemando, de forma que reteña os excesos de caudal do rego durante as choivas, mentres dure a marea alta.
2. Está a estudarse outra zona inundable de similares características na zona verde entre o CGTD e a rúa José Malvar, contigua ao leito canalizado baixo a pista de atletismo do estadio. Trátase dunha área de 2.500 m2, con menor capacidade de almacenamento pero situada no límite da superficie inundable determinada pola Administración Hidráulica de Galiza.
3. Aliviar parte dos excesos de caudal a un novo colector na zona na que o rego de Valdecorvos cruza baixo a rúa José Malvar. Este colector seguiría o curso desta última rúa e buscaríase un posible desagüe augas arriba da ponte dos Tirantes. Esta solución conta coa dificultade de instalar un colector de gran diámetro nunha rúa que conta con gran cantidade de redes, tanto municipais asociadas ao ciclo integral da agua como de outras compañías de servizos básicos.
“Trataremos de solucionar estes asolagamentos coa maior brevidade posíbel”, finalizou o concelleiro. “É algo realmente complexo, temos que facer as contas e buscar as mellores actuacións e o financiamento para as mesmas”.