O BNG propuxo que o servizo de defensa municipal se fixese cargo dos gastos xudiciais de alcalde, secretario e interventor de Valga
Valga, 27 de novembro de 2024. No pleno ordinario do 26 de novembro de 2024 o goberno municipal presentou o expediente para que sexa o propio Concello de Valga quen abone os gastos xudiciais derivados de procesos penais que afectaron ao alcalde, secretario e interventor. Os abonos dos importes correspondentes á defensa son duns 18.000 euros, incluídos os honorarios dos procuradores. As facturas presentadas por alcalde e secretario en concepto de minuta de honorarios de avogados son do mesmo despacho que o adxudicatario actual do servizo de asesoría e defensa xurídica contratado polo concello, Martín Gómez Abogados, S.L.U.
Previamente a incluír este punto no pleno, o goberno municipal solicitou un informe á Deputación de Pontevedra sobre o abono dos gastos xudiciais de alcalde, secretario e interventor. Este informe conclúe que o Concello de Valga debería realizar previamente catro actuacións, que a continuación de describen.
A primeira, “comprobar se existiu unha autorización expresa ou cando menos tácita respecto da necesaria asistencia que os denunciados puideron demandar”, non se axunta ningunha documentación respecto deste punto, polo que non hai constancia que esta defensa fora previamente autorizada polo propio Concello de Valga. Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, fixo constar no pleno “que non se acredita o consentimento tácito por parte da corporación, que en dereito hai que demostralo e non está xustificado documentalmente”.
Respecto de “requirir aos interesados para que aporten os xustificantes dos pagos efectivos dos importes dos honorarios dos avogados e procurador” e que estes “han de ser realmente acreditados”, ao igual que no punto anterior, non se aporta ningún tipo de documentación. En canto á “determinación da contía dos gastos”, engádase no expediente unha cronoloxía das actuacións practicadas no proceso, mais sorprendentemente o documento non ten ningún logo e tampouco está asinado.
Aínda que o proceso xudicial comezou con anterioridade á adxudicación do servizo de defensa xurídica municipal, o prego de condicións técnicas de dito servizo obrigaba ao contratista a asumir todos os asuntos xudiciais en tramitación e así evitar unha duplicidade de pagos
A última, “comprobar se existe contrato de seguro subscrito polo Concello de Valga que puidera garantir a defensa xurídica das autoridades e funcionarios”, no informe da Deputación de Pontevedra afírmase que, como a denuncia interposta é de data anterior á adxudicación do servizo de defensa xurídica do concello, non procedería a defensa. Sendo a cronoloxía certa, o BNG de Valga está en total desacordo con isto, pois no artigo 6 do prego de condicións técnicas do servizo, entre as obrigas do contratista está a seguinte: “a persoa ou empresa contratista, dende a sinatura do contrato e como obxecto integrante do mesmo, asumirá todos os asuntos que se atopen en tramitación ante os Xulgados e Tribunais, tanto naqueles que é parte demandada como actora, para o cal se lle outorgará a venia pola Letrado/a que está intervindo nos mesmos”. Polo tanto, non é certo, tal como se di no informe da Deputación de Pontevedra, que o servizo de defensa xurídica municipal non puidera facerse cargo dun proceso iniciado anteriormente á adxudicación do contrato, é máis, era unha obrigación terse feito cargo do proceso xudicial tal como indican os pregos de condicións.
O BNG de Valga non pon en cuestión o dereito dos membros corporativos, e do persoal público, a obter defensa da administración no exercicio dos seus cargos e funcións, sen embargo sempre defendeu que os gastos que reclaman alcalde e secretario terían que ser incluídos no servizo de defensa xurídica do Concello de Valga para así evitar nunha duplicidade de pagos. No caso do interventor, que optou por contratar outro un servizo de avogados diferente, tería que afrontar o gasto persoalmente, xa que tendo o propio concello contratado un servizo defensa que o podería defender, optou libremente por outra opción.
Finalmente, e cos únicos votos favorables do Partido Popular, saíu aprobado que sexa o propio Concello de Valga quen abone os gastos xudiciais derivados de procesos penais que afectaron ao alcalde, secretario e interventor. Ante todos os argumentos que o BNG de Valga expuxo no pleno, o alcalde nin se molestou en intervir, dando a calada por resposta.