Abre ao tráfico a nova estrada que conecta o Santo Antoniño coa parroquia de Agudelo
Barro, 27 de novembro de 2024. O concello de Barro abre ao tráfico a nova estrada que une o núcleo urbano de Santo Antoniño co lugar de Valbón, na parroquia de Agudelo, unha vez que xa está practicamente executado este proxecto, á falta dalgúns pequenos detalles que se irán pechando nos vindeiros días.
Esta nova estrada conta con dous carrís circulación, con sendas peonís e cunha iluminación LED de última xeración. Tamén se aproveitaron estes traballos para conectar a rede de saneamento de augas residuais do lugar de Valbón coa depuradora.
O alcalde, Fernández Abraldes, e o concelleiro de Obras de accesos a núcleos e de Seguridade viaria, Iván Bello, supervisaron os últimos traballos de remate das obras e a apertura ao tráfico desta nova vía de comunicación, na que se investiron máis de 140.000 euros.
Fernández Abraldes mostrouse moi contento co desenvolvemento e coa execución deste proxecto, que considerou “crucial para o desenvolvemento do Santo Antoniño ao mellorar a comunicación entre os dous núcleos”.