Alberto Oubiña substituirá a Carme da Silva no goberno municipal de Pontevedra
Martes, 12 de decembro de 2023. Alberto Oubiña ocupará o posto de Carme da Silva como edil dentro do Goberno Local unha vez se faga efectiva a marcha da actual responsábel de Urbanismo no Concello de Pontevedra. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, deu conta do relevo este martes, 12 de decembro.
Así, ademais da anunciada renuncia de Carme da Silva, tamén se notificou hoxe a renuncia da ex concelleira do BNG Carme Fouces, que sería a seguinte na lista electoral (número 10), mais decidiu continuar co seu labor como profesora no IES Valle-Inclán.
«Fouces xa levaba tempo barallando a posibilidade de reincorporarse ao ensino mesmo antes das eleccións. Falamos con ela e transmitiunos a súa total disposición á hora de seguir o que decidise o Goberno Local, mais a súa preferencia era e é a de continuar traballando no ensino público», sinalou o alcalde. «Está ilusionada coa súa nova responsabilidade no Valle-Inclán e nós só podemos agradecerlle o seu traballo, os seus 12 anos de traballo excelente en distintas responsabilidades, traballando a prol de Pontevedra, fose en Igualdade, Benestar Social ou Cultura; deixando unha fonda pegada en todos nós».
Así, o seguinte na lista electoral é Alberto Oubiña, edil durante os últimos 8 anos no Concello de Pontevedra, e sumarase nas vindeiras semanas ao equipo de Goberno. «Falei con Alberto ao longo dos últimos días, da opción de volver, de iniciar esta nova etapa e aceptou», explicou Lores. Nese sentido, o rexedor tamén adiantou que a substitución tamén respectará as responsabilidades que ten Carme da Silva, herdando as súas áreas. «En principio vai levar as mesmas responsabilidade e, de haber algunha modificación puntual, será comunicado no seu momento».
Oubiña sinalou a súa «lusión por retornar lembrando que «nunca participaría en algo que non me fixese realmente ilusión». O novo edil quixo dedicar as súas primeiras palabras da comparecencia á Da Silva e a Fouces, agradecendo e parabenizando o seu traballo, o traballo de «dúas persoas que non van estar» e que «botarei moitísimo de menos», logo de «facer un traballo excepcional en campos distintos, deixando unha fonda pegada no grupo municipal».
«Estou ilusionado non, o seguinte», indicou. «Creo que se está a facer un moi bo traballo desde o Concello de Pontevedra, creo que nos últimos meses se puido ver un cambio, que se percibe unha nova etapa».
No pleno ordinario do 18 de decembro faranse efectivas as renuncias de Carme da Silva e Carme Fouces, quedando para o seguinte pleno, ordinario ou extraordinario, a recepción da acta de concelleiro de Alberto Oubiña.