XAQUÍN MOREDA DESMONTA CON PAPEIS AS ACUSACIÓNS DE IVÁN PUENTES
O parque canino de Valdecorvos está a ser executado como estaba previsto no anterior mandato
O concelleiro de benestar animal, Xaquín Moreda saíu ao paso diante da polémica alimentada polo PSOE ao redor do proxecto de creación dun parque canino no Parque das Regas: “O proxecto que se está a realizar é nin máis nin menos que o que estaba planificado e adxudicado antes das eleccións municipais, cando o departamento estaba en mans do PSOE”.
“Non sei se hai un problema interno no grupo municipal do PSOE, pero na Administración as cousas están moi claras», afirmou Moreda, que amosou os documentos técnicos que demostran a existencia da proposta dun contrato e a súa adxudicación en maio do 2023 para a construción dun parque canino, e que inclúen un plano coa localización do mesmo. "Este proxecto xa vén de decembro do ano 2022, levaba meses xestionándose polo anterior concelleiro de Benestar animal (Marcos Rey)”, indicou o edil.
Así, o parque canino que se está a facer en Valdecorvos é o proxecto asinado —e as intrucións que figuran neste— polo anterior edil do grupo municipal do PSOE en maio deste ano, e que lle foi adxudicado á empresa Naturgalia por un importe de 34.757,75 euros.