SUPÓN UN INVESTIMENTO DE 6,2 MILLÓNS DE EUROS

Adxudicada a construción do novo pavillón de Monte Porreiro e a reurbanización da súa contorna

Eva Vilaverde. Presentación pavillón de Monte Porreiro
Eva Vilaverde. Presentación pavillón de Monte Porreiro
Adxudicada a construción do novo pavillón de Monte Porreiro e a reurbanización da súa contorna
Pontevedra, 13 de novembro de 2025. A tenente de alcalde, Eva Vilaverde,deu conta da adxudicación da construción do futuro pavillón deportivo en Monte Porreiro e a reurbanización do espazo público de toda a contorna onde se situará.

A edil confirmou que, á espera do requirimento da documentación pertinente, a empresa adxudicataria é Construcciones Ramírez SL. O proxecto foi adxudicado por un orzamento de 6.278.170,24 €, partindo dun prezo de licitación inicial de 6.416.772,53 €. O prazo de execución da obra é de 30 meses.

Cómpre sinalar que a empresa adxudicataria ofreceu unha mellora significativa como é o incremento do prazo de garantía, que pasa dun ano a tres anos. O deseño da obra corresponde ao estudo uña+amandi arquitectos.

A tenente de alcalde expresou a esperanza de que a execución da obra comece axiña: "Esperamos que para primeiros de ano se comece coa execución da obra". Unha vez requirida a documentación e formalizado o contrato, a execución comezará directamente, sen necesidade de pasar por Pleno.

O proxecto non se limita á infraestrutura deportiva, senón que supón unha transformación integral da zona, ao construírse unha nova praza pública sobre a cuberta do edificio como tal (que será semisoterrado), cunha extensión de case de 5.000 m2, e que que permitirá a conexión peonil entre rúas, ademais de xerar nosos espazos verdes, con sombra e cunha pista polideportiva ao aire libre. Así, trataríase da maior praza pública construída nunca neste barrio, comparable, en metros cadrados, ao tamaño da Praza da Ferraría, os Xardíns de Casto Sampedro e á Praza da Estrela xuntos.

Adxudicada a construción do novo pavillón de Monte Porreiro e a reurbanización da súa contorna