Pontevedra reúne a expertos e concellos galegos para abordar o reto da renaturalización urbana

Xaquín Moreda
Xaquín Moreda
Pontevedra reúne a expertos e concellos galegos para abordar o reto da renaturalización urbana

Pontevedra, 14 de novembro de 2025. O proxecto RedeVerde Pontevedra continúa avanzando na súa aposta pola sustentabilidade e a recuperación da natureza na cidade coa celebración da Xornada Medioambiental “A renaturalización urbana: o reto de lograr cidades máis amables e vivibles”, que terá lugar o martes 19 de novembro, de 9:00 a 13:00 horas, na Casa das Campás. 

A sesión reunirá a representantes institucionais, profesionais do urbanismo e expertos en sustentabilidade para debater sobre o papel da renaturalización urbana como ferramenta clave na mellora da calidade de vida, a adaptación ao cambio climático e a creación de contornas máis verdes, humanas e resilientes. 

A apertura correrá a cargo do concelleiro de Medio Ambiente de Pontevedra, Xaquín Moreda González, e do xerente da área de Sustentabilidade e Transición Verde de EOSA, Luis Touriño Guerra. 

A continuación, o arquitecto Valerio González Somoza, socio de EidoArquitectura e TEC Arquitectos, ofrecerá a palestra “A cidade como ecosistema. Beneficios da renaturalización urbana”. 

Seguiralle Federica Risi, responsable de Políticas e Proxectos da European Urban Knowledge Network (EUKN), coa charla “Solucións baseadas na natureza. Estratexias para cidades resilientes. Casos de éxito internacionais”, que permitirá coñecer experiencias europeas de referencia. 

A primeira mesa de diálogo, titulada “Cidades que respiran: o camiño da renaturalización urbana”, abrirá un espazo de intercambio sobre o papel das administracións locais na creación de cidades máis verdes. 

Na segunda parte da xornada abordarase o bloque “Renaturalizando as cidades galegas: os casos de Arteixo, Santiago e A Coruña”, no que participarán representantes destes tres concellos para compartir as súas experiencias en materia de sustentabilidade urbana. José Manuel Caamaño Varela, concelleiro de Obras do Concello de Arteixo, presentará o proxecto Londra, centrado na restauración de ecosistemas fluviais e na redución do risco de inundacións. Pola súa parte, Xesús Manuel Domínguez Domínguez, concelleiro de Sustentabilidade Ambiental do Concello de Santiago de Compostela, exporá o proceso de restauración de Pontepedriña como primeiro barrio verde da cidade. Finalmente, Noemí Díaz Vázquez, concelleira de Mobilidade e Infraestruturas do Concello da Coruña, dará a coñecer o proxecto Coruña Verdea, destinado a renaturalizar os barrios máis densos e grises da cidade herculina. 

A xornada clausurarase ás 13:00 horas coa intervención do concelleiro de Medio Ambiente, Xaquín Moreda González, quen porá en valor o compromiso de Pontevedra coa sustentabilidade urbana e co modelo de cidade que inspira o proxecto RedeVerde. 

Este encontro servirá tamén como espazo de diálogo e intercambio de coñecementos, promovendo a cooperación entre administracións locais, profesionais do territorio e o tecido técnico e ambiental galego. 

A participación é gratuita, mais é necesaria inscrición previa a través do seguinte formulario

Pontevedra reúne a expertos e concellos galegos para abordar o reto da renaturalización urbana