PONTEVEDRA CAPITAL GASTRO
O Concello de Pontevedra presenta Formación Gastro, o novo plan de capacitación para profesionais da hostalaría
Pontevedra, 14 de novembro de 2025. O Concello de Pontevedra vén de abrir unha nova liña de actividades do Pontevedra Capital Gastro destinada á capacitación dos e das profesionais da hostalería. A iniciativa ten o obxectivo de fortalecer as competencias profesionais e empresariais do tecido hostaleiro e turístico da cidade, apoiando a aquelas persoas que contribúen a facer dela un destino sostible e de referencia.
Comeza Formación Gastro, unha ampla proposta de formación de balde destinada ao sector hostaleiro, turístico e gastronómico da Boa Vila. A iniciativa forma parte do proxecto Pontevedra Capital Gastro, enmarcado no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD).
A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, destaca que esta liña formativa é indispensable nun programa como Capital Gastro: “Formación Gastro é unha aposta por continuar mellorando o sector e poñendo en valor o talento local e a nosa identidade gastronómica. Queremos acompañar ás persoas profesionais e emprendedoras para que sigan medrando, aprendendo e compartindo”.
O vindeiro mércores 20 de novembro de 10.00 a 14.00 terá lugar no Mercado de Abastos a presentación oficial do plan Formación Gastro, para o cal é preciso anotarse con antelación a través do espazo Apúntate! do Concello. A xornada combinará aprendizaxe e sinerxías entre profesionais cun showcooking, un espazo dixital con recursos para o sector e networking para favorecer o intercambio. Formación Gastro inclúe máis de 20 cursos que se desenvolverán entre decembro de 2025 e abril de 2026, nunha pioneira combinación complementaria de formación presencial e virtual cun enfoque práctico adaptado a profesionais en activo.
A programación abrangue un total de 7 cursos presenciais: Cultura e gastronomía galega (15 h, do 13 ao 23 de xaneiro), Vendas e recomendación en gastronomía (15 h, do 27 de xaneiro ao 9 de febreiro), Barismo e coctelería moderna (15 h, do 10 ao 20 de febreiro), Manipulación e aproveitamento alimentario (15 h, do 10 ao 20 de marzo), Cociña con produto local e de tempada (10 h, do 24 ao 27 de marzo) e Innovación gastronómica (10 h, do 30 de marzo ao 2 de abril).
Os cursos en liña enfócanse nas áreas de protocolo, xestión e mesmo dixitalización do sector con 16 títulos a escoller: Protocolo e interculturalidade turística (18 h, decembro de 2025), Estratexia de comunicación gastronómica (18 h, decembro de 2025), Intelixencia artificial turística (18 h, decembro de 2025), Reputación en liña para establecementos turísticos (18 h, xaneiro de 2026), Automatiza o teu negocio (18 h, xaneiro de 2026), Ferramentas de xestión en hostalaría e turismo (24 h, xaneiro de 2026), Xestión e rendibilidade en restauración (24 h, xaneiro de 2026), Márketing gastronómico de produto local (27 h, febreiro de 2026), Promoción dixital do destino (27 h, febreiro de 2026), Analítica e intelixencia do negocio (21 h, febreiro de 2026), Crea, deseña e comunica: gastronomía e turismo (18 h, febreiro de 2026), Turismo intelixente: innovación e sostibilidade (10 h, febreiro de 2026), Inglés para gastronomía e turismo (36 h, marzo e abril de 2026), Francés para gastronomía e turismo (36 h, marzo e abril de 2026), Comercio electrónico e márketing dixital para gastronomía (30 h, marzo e abril de 2026) e Tendencias tecnolóxicas en turismo e gastronomía (18 h, marzo e abril de 2026).
Cada acción formativa combinará contidos teóricos e prácticos, mostras en vivo, exercicios aplicados e materiais de apoio. Ao rematar, as persoas participantes recibirán un certificado oficial avalado polas entidades organizadoras. As inscricións abrirán a vindeira semana e poderanse facer a través do enderezo electrónico pontevedra.formaciongastro@betagroup.com.co. Toda a información e o calendario estarán dispoñibles na páxina web do Concello de Pontevedra.
O proxecto está incluído dentro do convenio de colaboración asinado entre o Concello de Pontevedra e a Axencia de Turismo de Galiza para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra valorado en 2 millóns de euros.