Pontevedra avanza no novo modelo de residuos e inicia unha nova campaña informativa de cara á veciñanza

Pontevedra avanza no novo modelo de residuos e inicia unha nova campaña informativa de cara á veciñanza
Pontevedra, 13 de novembro de 2025. A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, informou da evolucion na implementación do contrato de residuos, un proceso que marca "un paso adiante máis na súa xestión”. 

Tal e como sinalou Vilaverde, o obxectivo primordial desta nova xestión é chegar a ver os residuos non coma lixo, senón coma recursos útiles. Para cumprir este fin, é fundamental e imprescindible a separación. Esta iniciativa queda enmarcada baixo o cumprimento da nova normativa ambiental e do compromiso co medio por parte do Concello de Pontevedra. 

Deste xeito, o Concello vén de iniciar este xoves unha nova campaña informativa co fin de que a veciñanza coñeza esta "etapa máis eficiente, moderna e sostible na xestión dos residuos de todo o municipio”. 

A campaña inclúe a impresión de: 

  • Cartaces para instalar nos establecementos de toda a zona urbana. 
  • Folletos para repartir nos locais sociais de todo o concello, nos establecementos comerciais e nos edificios públicos.

Ademais de informar sobre o novo equipamento (vehículos e profesionais), tamén se dá conta da implementación do modelo de compostaxe, tanto individual como comunitaria.

Estado do despregramento de colectores

O despregamento de novos colectores segue avanzando na cidade:

  • Os colectores azuis (papel e cartón) xa están todos despregados, sumando 498 colectores na rúa. 
  • Os colectores amarelos (envases) están practicamente na súa totalidade na zona urbana, rematándose esta semana, e pasarase a cubrir toda a zona rural cos 498 colectores amarelos correspondentes. 
  • O seguinte colector en colocarse na rúa será o gris, que substitúe o colector verde anterior. A fracción resto pasa agora a este novo colector gris.

Tamén se avanzou na recollida de aceites domésticos usados coa instalación de colectores no Mercado de Abastos e en Lérez, Cerponzóns, San Brais, Salcedo, Lourizán, Bora, Mourente, Alba, Campañó, Marcón e Tomeza.

Avance na Compostaxe

No que respecta á compostaxe comunitaria, o Concello avanza coa ambición de incrementar o número de centros existentes no espazo público de 31 a un total de 100.
Neste sentido, foron anunciadas 12 novas localizacións para centros comunitarios, cuxa construción e colocación comezarán de inmediato. Estas novas infraestruturas distribuiranse por diversos puntos da cidade e parroquias: 

  • Dous centros no barrio de Tafisa. 
  • Dous centros na contorna da rúa Augusto García Sánchez e Praza de Galiza. 
  • Reforzarase o centro xa existente en Alcalde Hevia. 
  • Instalarase un centro na Pasarela. 
  • Haberá un novo centro no barrio de Valdecorvos, en Prado Novo. 
  • Un centro na Praza das Camelias, no barrio da Parda. 
  • Tamén en Mollavao (un), en Fonte Santa na rúa Fotógrafo Zagala (un), nos Praceres (un), en Estribela (un) e en Pontemuíños (un).

Doutra banda, cómpre lembrar que o cambio de modelo implica que a compostaxe individual nas parroquias, pasa de ser voluntaria a ser obrigatoria.

A implementación deste modelo no rural será progresiva, realizando un "peinado" de toda a zona co fin de informar á veciñanza e verificar as necesidades exactas antes de proceder ao reparto ou á reposición dos composteiros. 

Pontevedra avanza no novo modelo de residuos e inicia unha nova campaña informativa de cara á veciñanza