As propostas do BNG aos orzamentos da Xunta inciden na creación emprego e no apoio á economía produt
01 feb. 2013 - 19:16
Nun contexto de auténtica emerxencia nacional como o que está a sofrer Galiza, os orzamentos da Xunta para o 2013 reflicten a alianza do PP cos poderosos, a súa incapacidade para dar respostas aos graves problemas existentes, e o seu intento de criminalización da cidadanía, co peche do Parlamento ao pobo, para que a xente non comprobe en vivo como o PP defende os intereses dos ricos mentres expolian e rouban aos traballadores, aos autónomos, comerciantes e pequenos empresarios.
Uns orzamentos que manifestan, ademais, a prioridade para o PP de defender os intereses de España, aínda que iso supoña ir en contra dos intereses de Galiza e as súas maiorías sociais. Só así se entende que non se opuxera ao decreto do Estado sobre a factura da electricidade, que non recurrise (como si fixeron Cataluña, Andalucía ou Asturias) a ampliación dos horarios comerciais, que beneficia ás grandes supercies transnacionais fronte aos intereses do comercio local, galego, que non cuestionase a distribución dos obxectivos de déficit, que non reclamase un modelo de financiamento xusto para Galiza, ou que aceptase unha reforma do sistema financieiro que supuxo a desaparición das caixas de aforro galegas.
No debate á totalidade xa celebrado, o PP negouse a aceptar as propostas do BNG que incidían na necesidade de aumentar os ingresos, centrando o esforzo recadatorio en quen máis ten: actuar sobre os mínimos exentos do imposto do patrimonio e sobre os tipos de gravame do IRPF, imposto sobre as grandes superficies, imposto sobre os depósitos bancarios e actuación sobre a fraude, mostrando deste xeito a súa aposta ideolóxica polos poderosos, e incidindo en expremer os petos da maioría da poboación.
Os orzamentos para 2013 son rexeitábeis non só porque non resolve ningún dos problemas existentes (non hai impulso á economía produtiva, non hai políticas de crecemento, non hai gasto social nin atencións aos desempregados -resulta chamativo que nun momento onde temos as taxas de paro máis grandes de toda a historia, a consellaría de emprega reduza un 40% os fondos para atención ás persoas desempregadas-), senón tamén polo que oculta (trampas contábeis, aumento da débeda, ocultar o endebedamento mediante o modelo de privatización na construción de infraestruturas, ou o canon de vertedura que se incrementa un 100%).
Para o BNG hai que apoiar a economía produtiva e apostar polo emprego
O BNG presentou enmendas atendendo a 5 criterios básicos: a atención á poboación desempregada, creación de emprego, aposta por uns servizos públicos universais e de calidade, pola conexión das infraestruturas xa feitas, pola mellora da seguranza viaria, e por actuacións que melloren o medio ambiente e xeren emprego.
É imprescindíbel estabelecer programas específicos para a mocidade, un colectivo cun alarmante porcentaxe de paro (perto do 50%) e se está forzando a abandonar o país (en 2012 perto de 30.000 mozos e mozas abandonaros Galiza, a un ritmo de 70 por día).
Grandes eixos das enmendas comarcais
Apoiar a un sector estratéxico da nosa economía como é o do mar, con partidas para saneamento do fondo da ría de Vigo (1 millón de euros), plan de recuperación do marisqueo (700.000 euros), granxas de produción de semente e preengorde de moluscos (800.000 euros), melloras nos portos de Arcade, Campelo, Raxó e O Covelo (35 millóns).
Melloras no medioambiente (300.000 euros en Saneamento en Caldas; e 150.000 para estudo sobre o derrumbamento do encoro)
Ordenación e aproveitamento multifuncional do monte, como un elemento de cuidado do medio e xeración de emprego e riqueza (12 millóns).
Defensa dos servizos públicos, cunha partida de 40 millóns de euros para a ampliación de Montecelo e 1 millón para o edificio xudicial da Parda.
Dous millóns para a conectividade das infraestruturas viarias e seguranza vial (variante de Alba, ronda urbana, conexión do vial do Vao, seguranza viaria na PO-308 Andurique-A Seca-Chancelas-Raxó, etc)