Pola senda da compostaxe
A aposta en exclusiva que fixo a Xunta do PP nos anos 90 pola incineración levou a situación preocupante, irracional e antiecolóxica na que se atopa hoxe en día o tratamento dos refugallos sólidos urbanos e que dende o BNG, na medida das nosas posibilidades, tentamos darlle solucións.
Para empezar, a planta de SOGAMA de Cerceda está absolutamente desbordada e só pode incinerar, nas mellores épocas, unha terceira parte do lixo que lle chega. O resto acumúlase en vertedoiros ao ar libre sen garantías. O intento de montar outra planta no Sur de Galiza segue, afortunadamente, sen callar.
A planta de tratamento do Morrazo, na que se investiron varios millóns de euros, está a criar toxo e coa súa maquinaria abandonada, pois o PP empeñouse en que nunca chegase a funcionar.
O consorcio provincial do lixo é unha oportunidade para avanzarmos na compostaxe dos residuos orgánicos
O Plan de Residuos de Galiza, forzado polo Plan Estatal, pon como obrigatorio o aproveitamento de, cando menos, o 50% da materia orgánica dos refugallos domésticos para o ano 2020 e, a día de hoxe, non se deu un só paso para avanzar nesta dirección e poder cumprir ese obxectivo mínimo.
As necesidades das terras de cultivo, tanto agrícolas como forestais, en canto a aporte de abonos orgánicos, son moito mais elevadas das que se poden xerar nos resíduos urbanos e de outro tipo.
Por se todo o anterior fose pouco, estase obrigando a separar plásticos e embalaxes por razóns exclusivamente administrativas, cando o seu destino é o mesmo que o dos restantes residuos, é dicer, a valorización enerxética. En galego común, a incineración.
Neste contexto, e a iniciativa do BNG de xa hai uns 5 anos, a Deputación de Pontevedra, despois de moitos estudos e voltas, tenta pór en funcionamento un Servizo de lixo para a maioría dos concellos da provincia, sobre todo os de tamaño pequeno e medio. Coidamos que pode ser unha oportunidade para reconducir, cando menos parcialmente, a desastrosa situación actual e actuamos en consecuencia.
Traballamos para que este servizo mancomunado poida ir pola senda da compostaxe, da utilización da planta infrautilizada do Morrazo, ou, no caso de ser isto inviábel, pola creación dalgunha planta nova para este fin. Aparte de que nunca sería mais cara que SOGAMA, avanzaría no reaproveitamento dos refugallos orgánicos e no cumprimento da normativa de aplicación.
Se a Deputación vai por este camiño, que entendemos o único correcto, o Concello de Pontevedra estaría disposto a implicarse a fondo, cambiando o sistema de recollida para separar orgánicos e aportalos a planta provincial para que sexa viábel, dado que a viabilidade depende moito do volume e calidade dos orgánicos que vaia a tratar.
Agardamos que o P.P. acepte esta proposta que entendemos beneficia a todos os cidadáns e poidamos de verdade avanzar na racionalidade, hoxe inexistente, do tratamento dos refugallos que producimos.