Pontevedra gana a batalla a Sogama
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ditar unha sentenza -non recurríbel-que dá a razón ao Concello de Pontevedra no xa longo litíxio que mantén con SOGAMA polo prezo a pagar polo tratamento do lixo.
Así, mentres SOGAMA pretendía que o Concello pagase 53,91 euros por tonelada, o Concello, en cumprimento do contrato asinado no seu día, pagaba 31,05. En total, nos cinco meses a que fai referencia a sentenza (agosto-decembro de 2008), o Concello, e polo tanto todas as veciñas e veciños, aforraron 300.000 euros.
A importancia desta sentenza, que lle dá a razón ao Concello entrando, por vez primeira, ao fondo da cuestión, é que pode crear un precedente para as sentenzas que aínda están por vir (recibos de 2009 a 2012) cuxa cuantía supera os tres millóns de euros.
A defensa do interese público
Na rolda de prensa na que se anunciou o fallo do TSXG, o Portavoz do Goberno, Raimundo González suliñou que o Concello defendeu neste litixio o interese público, o de todos os veciños e veciñas, como xa fixera en outras ocasións con ENCE ou coas entidades financieiras.
Esta actitude de defensa do público contrasta coa do PP que solicitou en reiteradas ocasións que o Concello pagase o que unilateralmente, e sen aterse ao contrato asinado, esixía SOGAMA.
De facerlle caso ao PP todas as veciñas e veciños terían perdido xa 300.000 euros de diñeiro público.