O BNG acusa ao PP de estar ao servizo de ENCE
Pontevedra, 13 de marzo de 2013. A deputada do BNG, Montse Prado defendeu hoxe, na sesión plenaria que se está a celebrar no Parlamento galego, unha Proposición non de lei sobre as actuacións do Goberno galego no asentamento industrial de ENCE en Lourizán.
Na súa intervención, a deputada nacionalista acusou ao Partido popular de non aclarar a súa posición sobre o asentamento e permanencia de ENCE, vostedes, din unha cousa e fan a contrario, dixo, e emprazou ao PP a votar favorabelmente a iniciativa nacionalista para anular definitivamente o proxecto sectorial do asentamento industrial de ENCE.
O alcalde e a cidadanía de Pontevedra contra a consolidación da pasteira
Neste sentido, avanzou que o Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores fará todo o posíbel para pechar ENCE e seguirá loitando para defender os intereses públicos impedindo que se execute o proxecto sectorial e a consolidación da pasteira.
Prado explicou que a corrupción non é só meter a man na caixa, enriquecerse persoalmente a costa dos recursos públicos e recibir sobres, a corrupción con maiúsculas, sentenciou, tamén é usar a representación institucional para facer modificacións e beneficiar a uns poucos, é usar o DOG e o BOE para beneficiar aos amigos e poderosos.
O PP presente no Consello de Administración de ENCE
A parlamentaria criticou a importante presenza do Partido popular no Consello de Administración de ENCE do que forma parte Carlos del Álamo ex-conselleiro de Medio Ambiente na Xunta de Galiza con Manuel Fraga e Isabel Tocino, Ministra de Medio Ambiente con Aznar.
A gaivota do PP sobrevoa ENCE
Prado ironizou sobre unha campaña publicitaria de ENCE presidida por unha gaivota semellante a utilizada no logo do Partido popular e preguntou se esta coincidencia tamén sería unha casualidade como a presenza de Carlos del Álamo e Isabel Tocino no consello de Administración de ENCE ou que se usen as portas xiratorias da representación pública para lexislar en favor dos poderosos.
A parlamentaria afirmou que o Partido popular, tanto no Goberno do Estado como no da Xunta, ponse ao servizo da pasteira sen condicións e pediu de novo que o Goberno galego: retire o recurso contra a sentenza do TSXG, anule definitivamente o proxecto sectorial de incidencia do asentamento industrial de ENCE, revise a Autorización Ambiental Integrada (AAI) concedida á pasteira e manifeste diante do Goberno do Estado a oposición a que se prorrogue a ubicación de ENCE a través dunha posible modificación lexislativa ou administrativa.
A pesar dos requerimentos do BNG, o PP votou en contra de anular o proxecto sectorial de ENCE, demostrando máis unha vez a súa connivencia coa pasteira.