Lores en Dubai: "Unha transformación feita pola cidadanía co liderado do Concello"
Dubai, 23 de febreiro de 2015. A cidadanía, co apoio e o liderado do Concello. Esa foi a resposta do alcalde de Pontevedra á pregunta quen lidera esta transformación?, realizada por unha das asistentes que participan na xornada explicativa previa á entrega do Dubai Award, o premio de ONU Habitat para proxectos que melloren a calidade de vida en todo o planeta.
Foi unha das preguntas realizadas trala exposición que baixo o título Pontevedra, unha cidade para as persoas realizou en inglés o intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle, quen no coloquio serviu de intérprete do alcalde para o turno de preguntas.
Nun contexto no que os premiados son persoas da sociedade civil con pouca presenza institucional, o proxecto pontevedrés chamou a atención pola implicación das autoridades municipais liderando as iniciativas transformadoras.
As presentacións dos nove proxectos prolongáronse durante toda a mañá, e o de Pontevedra foi un dos que máis atencións captou, polo que o alcalde tivo que responder a esa cuestión do liderado municipal elixido pola cidadanía, así como tamén as que se interesaban pola natureza global do proxecto: A decisión de cambiar non parte dun proxecto técnico determinado para unha ou outra iniciativa, senón dunha decision política, dos representantes públicos, avalados pola cidadanía e coa participación social a través de entidades sociais e cidadás, lembrou Lores.
A intervención de Daniel Macenlle consistiu nun repaso polas razóns que levaron ao xurado a elexir Pontevedra como unha das receptoras deste galardón internacional: partindo dunha cidade caótica e invadida polo tráfico a motor, foi transformándose a partires das primeiras peonalizacións, pasando polo saneamento do río e a ría, pola xestión da mobilidade para reducir accidentes, as políticas de accesibilidade universal, a non deslocalización comercial ou a mobilidade infantil, materializada no Camiño Escolar e a Cidade dos Nenos.
A xornada de mañá, ocupada pola cerimonia de entrega do premio propiamente dita, terá lugar na Sociedade Cultural e Científica de Dubai, un complexo cultural ubicado ao sur da cidade.