O DOG recolle a vontade da Xunta e do PP de ENCE se consolide en Lourizán
O Diario Oficial de Galiza dá publicidade hoxe ao Plan sectorial de Ence en Lourizán, trámite que segundo a empresa e a Xunta, é o que lle dá legalidade ao citado plan, tal e como lle esixe o Supremo. O Concello de Pontevedra asegura que a publicación non vale de nada xa que o plan queda anulado na sentenza do alto tribunal, e denuncia que todos os actos da Xunta do PP en relación a Ence defenden a súa consolidación en Lourizán.
"Esta publicación é unha decisión política da Xunta de Galiza de manter o proxecto sectorial de Ence e consolidar o complexo de Ence en Lourizán de por vida". Así de contundente amosouse esta mañá o concelleiro de Infraestruturas de Pontevedra, César Mosquera ao facer unha primeira valoración da publicación no Diario Oficial de Galicia por orde da Consellería de Industria do contido normativo do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para o asentamento industrial de Lourizán, promovido polo Grupo empresarial Ence, S.A. Unha publicación realizada case dez anos despois da súa creación (feita durante a presidencia de Manuel Fraga en decembro de 2003).
O concelleiro de Infraestruturas de Pontevedra asegurou que esta publicación, único trámite necesario segundo a Xunta e a empresa Ence para que o Plan sectorial de Ence deixase de ser ineficaz tal e como o califica o Tribunal Supremo na sentenza ditada sobre a legalidade do Plan, deixa claro que "a Xunta e o PP está porque se consolide Ence e quede en Lourizán como espazo industrial, tal e como recolle o DOG e todos os documentos oficiais da Xunta en relación ao complexo", fronte "a todas as declaracións públicas habidas e por haber sobre este tema por parte do PP".
César Mosquera sostivo que esta publicación de hoxe "non serve case de nada" porque "o que se publica está anulado pola propia sentenza. E o lóxico sería abrir un expediente de aplicación da sentenza e aplicalo no sentido de eliminar o Plan sectorial, tal e como acorda o Supremo".
O concelleiro explicou que os servizos xurídicos municipais estudan a posibilidade de solicitar a execución da sentenza "xa que a vontade da Xunta do PP é que Ence e Elnosa sigan aí".