O BNG protesta pola liquidación de Novagaliciabanco
O BNG realizou hoxe accións de protesta pola decisión da UE, en coordenación con Rajoy e a aquiescencia de Feijóo de liquidar NovaGaliciaBanco, tal e como denunciou en Pontevedra o portavoz nacional, Guillerme Vázquez.
As persoas que acudiron ás concentracións convocadas polo BNG entraron na entidade como xeito de amosar a súa protesta pola venda de NovaGaliciabanco e para informar aos clientes da situación.
Estamos, tal e como enfatizou, ante unha liquidación que vai supor a perda de milleiros de postos de traballo, roubo aos estafados polas preferentes, perda da obra social, perda de servizo no rural galego... un auténtico desastre para o país.
O portavoz nacional afirmou que no BNG non imos calar diante da evidencia de que o dúo Feijóo-Rajoy permiten que siga Bankia e non así a NovaGaliciaBanco. Volveremos insistir na necesidade de que Galiza teña sistema financeiro propio.
Neste sentido, Guillerme lembrou que Euskadi e Catalunya si contan con entidades financeiras e en Galiza é hora de dar paso á banca pública galega. Malia as negativas a esta proposta, o portavoz nacional afirmou que insisten en que non se pode facer, e crean un banco malo e a banca pública galega non. O problema non é se se pode, senón se se quere.
Non imos baixar a cabeza e resignarnos diante dunha solución inxusta e perxudicial para o noso país, concluíu.