O Alcalde non lle fai as beiras a Rajoi
Miguel Fernández Lores non asistiu esta mañá de venres á inauguración do Sexto Edicifio do Museu de Pontevedra para non coincidir coa cúpula do Partido Popular porque, como el mesmo manifestou, "non está o alcacén para gaitas".
O Alcalde recoñeceu que foi convidado por todos os medios posíbeis a esta inauguración organizada con total secretismo pola Deputación para poñela ao servizo de Mariano Rajoi e que a decisión de non asistir tomouse de xeito absolutamente consciente porque "nos tempos que corren, non están as cousas para saír a carón deles".
Asemade Fernández Lores sinalou que a non asistencia tamén tivo a ver coa supresión do Patronato do Museu que, logo de case un século de existencia, foi definitivamente desmantelado por unha decisión unilateral do PP que entrou en vigor o primeiro día do ano e que contou co rexeitamento da sociedade pontevedresa.
Quen si asistiron ao acto, aínda que non se lles permitiu pasar ao interior, foron a plataforma de estafados polas preferentes, delegados e delegadas da CIG e un grupo de mozos e mozas convocados por Galiza Nova. Todos eles fixeron patente a necesidade da rebeldía e a insumisión fronte ao expolio que pretenden os gobernos de Madrid e da Xunta.