Defendamos un acordo pesqueiro con Mauritania

Defendamos un acordo pesqueiro con Mauritania

O Bloque Nacionalista Galego apoia a manifestación convocada en Marín, mañá, venres, 15 de febreiro, con saída da Alameda ás 20.00 horas da tarde, en demanda dun novo acordo de pesca con Mauritania que permita faenar á frota pesqueira galega nese caladoiro. Unha importante actividade produtiva, centos de postos de traballo directos no mar e máis inducidos en terra, dependen deste acordo pesqueiro interrompido dende hai xa máis de seis meses.

O BNG está convencido de que non hai razóns biolóxicas -por escaseza de recursos pesqueiros- que impidan reanudar a actividade da nosa frota. O único problema é político, e ten a ver coa política agresiva e profundamente antigalega da Unión Europea, abenzoada polo Goberno español e obedecida submisamente pola Xunta de Galiza, que consiste en substituir os pesqueiros galegos nese caladoiro por outros chineses, rusos, ou mesmo europeus. Velaí a hipocrisía comunitaria e española: non é que non haxa peixe, senón que non nolo deixan pescar para que o fagan outros.

Son momentos de dar a cara e de defender o dereito dos galegos a vivir do noso traballo, neste caso na pesca, como sempre fixemos.

O BNG fai un chamamento á sociedade a participar desta mobilización convocada polos mariñeiros e polo sindicalismo nacionalista, a CIG. Nos tempos de profunda crise económica que estamos a padecer non é de recibo que se deixe morrer unha actividade que xera emprego. O BNG fai responsábel desta situación á Xunta de Galiza, ao Goberno español e á Unión Europea.

Defendamos un acordo pesqueiro con Mauritania