César Mosquera: "Imos cortar as prácticas perversas que había na Deputación"
Pontevedra, 31 de maio de 2016. Para facer cacicadas xa hai quen as faga de sobra. Non nos van dobregar. Non nos van amedrentar. Todo o contrario, estannos a ratificar na liña na que estamos para cortar as prácticas perversas que había na Deputación. Así o asegurou o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, no acto do BNG organizado para reinvindicar a acción política do grupo provincial nacionalista e contra as agresións do PP pola súa instigación ás pintadas e coroas de defuntos no conflito do parque de maquinaria, así como pola ameaza de querela anunciada no día de onte.
No acto participaron máis de 80 alcaldes, concelleiros e representantes orgánicos do BNG de toda a provincia de Pontevedra (Tomiño, Bueu, Cangas, Moaña, Barro, Moraña, Vilagarcía ) que quixeron aplaudir o traballo do vicepresidente e dos deputados e deputadas. Asistíu tamén o candidato ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, así como a portavoz nacional Ana Pontón, que se desprazou dende Compostela para manifestar o seu orgullo pola protesta, que definiu como un símbolo da democratización e da fin do caciquismo do Partido Popular na Deputación de Pontevedra.
O vicepresidente provincial asegurou na súa intervención que tanto el como os deputados e deputadas estamos para cambiar e democratizar a institución para que todo o mundo teña o mesmo trato. Obviamente non nos van amedrentar por moita coroa que poñan ou por moita ameaza de querelas ou similares. Danos exactamente igual. Temos unha folla de ruta e imos seguir con ela pese a quen pese porque para iso estamos, subliñou Mosquera.
O mandatario provincial sinalou que desde que o novo goberno provincial tomou posesión, cada paso que se dou para cortar prácticas que favorecían a algúns levou sempre parello un lío montado polo PP directamente para manter os privilexios. Neste sentido fixo referencia ás polémicas montadas a raíz do Rally Rías Baixas ou da supresión da subvención á banda de gaitas. No caso do parque de maquinaria sostivo que os traballadores pretenden manter uns privilexios adquiridos por ser o brazo armado do PP para andar facendo cacicadas nos concellos nos que lles conviña, dirixidos directamente polo PP e instigados directamente polo PP.
Ademais de levarnos a unha situación pola que enchen a provincia de pintadas e de coroas ameazantes, resulta que agora ameázannos con que nos van presentar unha querela por dicir o que todo o mundo sabe: que o PP e mais estes traballadores sempre foron o mesmo, xa que os do PP foron a instigalos.
Mosquera criticou que o PP aínda non condenase as ameazas ao funcionario da Deputación aparecidas en Ribadumia e, sobre a postura que do grupo Mixto da Deputación ante as ameazas contra os membros do BNG, tamén quixo ser claro: Nestes momentos estamos a ver unha serie de movementos extraordinariamente guais e transformadores, que non sabemos quen son, Podemos, Mareas, quen sexa que nesta casa, tanto neste lío como noutros, resulta que se puxeron de lado, non fose a ser. Nas institucións, señores, ou se cambian as cousas ou se deixan como están. Non se pode criticar e despois non actuar cando hai problemas con solucións moi claras, destacou.
Pontón e Bará
A portavoz nacionalista Ana Pontón definíu o acto contra as agresións do PP como un símbolo da fin do caciquismo do PP na Deputación. Indicou que o BNG non calará a pesares de sufrir prácticas mafiosas e subliñou que o caciquismo chegou ao seu fin péselle ao PP, a Feijóo ou ao señor Rueda. A Deputación deixou de ser unha institución ao servizo do Partido Popular para democratizar o servizo aos concellos. Gobérnase para as maiorías cando o BNG está e hai unha transformación real que ten os seus custes ao eliminar privilexios pero non nos importa porque as políticas caciquís só traen pobreza, sinalou.
Ana Pontón: O caciquismo na Deputación de Pontevedra chegou ao seu fin, péselle ao PP, a Feijoo ou ao señor Rueda
Pola súa banda, o candidato ao Congreso, Luís Bará destacou que dende o mes de maio de 2015 hai transformación profunda na maneira do novo Goberno provincial. Foi evidente neste tempo o impulso transformador que se lle deu a esta institución nas materias do BNG. Tamén foi evidente o empeño porque fose unha institución vencellada coa idea da equidade e a igualdade. Gobernar para a maioría significa rematar con privilexios, con vantaxes e beneficios, tratos de favor que benefician a unha minoría. Iso é precisamente o que está a facer que haxa certas resistencias a estes avances que está impulsando o BNG, salientou.
Estamos moi orgullosas e orgullosos de ter na Deputación a persoas como César Mosquera, Uxío Benítez, Xosé Leal e Eva Vilaverde. E vimos aquí a dicir que non nos van parar, que non lle temos medo. A dicirlle claramente ao Partido Popular que estas transformacións en beneficio da xente para acabar cos privilexios van seguir adiante. Non nos van deter, non nos van parar. Estamos convencidos de que esta é a liña de traballo e estamos todos no BNG co labor que están a facer os deputados e deputadas nesta institución, insistiu.
Luís Bará: É evidente o impulso transformador que o BNG eu á institución nas súas materias
Bará fixo referencia a que o que está a pasar agora na Deputación xa se produciu noutros concellos como o de Pontevedra. Naqueles momentos foi fundamental o empuxe, apoio e a confianza de moita xente que creu no proxecto. Aquí vai pasar o mesmo: vai haber moita xente que empuxe, axude e participe para levar a cabo a grande transformación en beneficio da equidade e da xustiza nesta institución.