O PXOM: PP e PSOE comparten modelo de cidade
Pontevedra, 12 de xuño de 2013. Desde que o BNG acadou o goberno de Pontevedra impulsou un modelo de desenvolvemento urbanístico que figura entre os máis avanzados do mundo e que está a recoller un recoñecemento detrás de outro.
O modelo urbano que estamos a pór en marcha no Concello baséase na participación, na defensa dos máis febles, na sustentabilidade, na defensa do patrimonio e do medio ambiente, no calmado do tráfico, na igualdade de todos os cidadáns e cidadás, na absoluta e completa honradez na xestión, etc.
Hai outros elementos que dan a Pontevedra o carácter de cidade galega que é un modelo a nível europeo e que todos coñecemos: o apoio ao comercio e á empresa local e a priorización dos desprazamentos peonís frente á ocupación do espazo público polos vehículos privados.
De todo isto se derivan as características que definen a Pontevedra de hoxe: peonalización, ausencia de grandes centros comerciais, orgullo de sermos galegos e pontevedresas, loita contra ENCE, cidade compacta ou o urbanismo máis calmado de toda Galiza. E tamén hai que destacar que este é o modelo do que nunca gostaron nen o PP nen, por suposto, o PSOE.
PSOE-PP: Un mesmo modelo de cidade
É importante que lembremos que xa no primeiro momento uns e outros opuxéronse á peonalización en todas as frontes: o PP presentou un recurso xudicial contra o bando de peonalización, e tanto o PP coma o PSOE convocaron manifestacións e votaron diferentes medidas no Pleno contra ela.
Tamén comparten PSOE e PP a posición favorábel ás multinacionais e chega para iso con lembrar os esforzos feitos desde o anterior mandato para que se instalen en Pontevedra, o mesmo no centro histórico que nalgún polígono nas beiras da cidade.
E xa non habería nen que lembrar que na loita contra ENCE o PP sempre fixo todo o posíbel por manter a fábrica na nosa ría e o PSOE andou a bandazos até a súa posición actual.
Por todo isto non é de estrañar que no último pleno votasen conxuntamente unha moción do PP emendada polo PSOE para, supostamente, pular por un novo PXOM para Pontevedra coa que, no mellor dos casos, preténdese manipular a realidade.
Que Plan Xeral queremos para a cidade?
Pontevedra ten hoxe un PXOM adaptado á legalidade e un outro, feito coa unanimidade dos grupos municipais e dos axentes que democraticamente participaron no seu deseño, que foi enviado á Xunta e que esta rexeitou.
Rexeitouno porque o modelo da Xunta é radicalmente distinto ao que pretendemos en Pontevedra. Nas instrucións da Xunta para o novo Planeamento inclúese:
- A catalogación do solo no que se está ubicado Ence como industrial, co que se facilitaría enormente a consolidación da pasteira en Lourizán.
- A recalificación dos terreos para o hospital privado de Monte Carrasco.
- O recorte dos actuais nucleos rurais e a imposibilidade de crecemento da cidade.
- Que se modifique un modelo urbano exitoso
- Que o Concello non conte con ningún dos terreos industriais propostos polo PXOM elaborado por unanimidade.
O BNG xa adiantou que nunca vai dar o seu apoio a un plan como o que pretende a Xunta porque, sinxelamente, sería un desastre para Pontevedra.