Contra o saqueo de Galiza
Pontevedra, 7 de maio de 2013. Galiza é unha nación rica empobrecida por decisións políticas de Madrid e de Bruxelas. Temos recursos naturais, man de obra, tradición produtiva e capitais para xerar moita máis riqueza; pola contra, estamos asistindo a un empobrecemento galopante de Galiza por decisións anteriores e actuais que están provocando unha traxedia, que nos están metendo nunha situación de auténtica emerxencia nacional e social.
Foron arruinando, mediante medidas adoptadas con premeditación, crueldade e sangue frío, sectores básicos como o naval, o agro, a pesca. Debeulles parecer pouco e decidiron expropiar a xestión do aforro galego facendo desaparecer as Caixas. Empobreceron a traballadores, autónomos e pequenos e medianos empresarios. Tampouco lles chegou con isto e procederon ao roubo directo do propio aforro que os galegos e galegas tiñan, enganados, nas preferentes e subordinadas.
Sobre 85.000 afectados en Galiza, deles máis de 2.500 en Pontevedra, foron enganados e, agora, vense coa ameaza de ver como preto de 2.100 millóns de euros dos seus aforros poden desaparecer. Un drama persoal e familiar no que os meteron de xeito planificado e intencionado. Pero tamén unha sangría para a economía galega de enormes consecuencias. Estes aforros xeraban actividade económica da que tan faltos estamos.
Aos afectados polas preferentes e subordinadas tratan de marealos sobre as causas reais do atraco que tentan facerlle. Que si a nefasta xestión das caixas, pola que curiosamente non hai ninguén condenado, que si a falla de control dos supervisores, tampouco ningún procesado, que si quitas, que si conversión en accións que non valen para nada. O real, o único real, é que o atraco do aforro galego foi acordado entre o goberno do estado e a unión europea, por imposición europea.
Exactamente o mesmo que sucedeu no seu día e segue a suceder co noso sector naval, co noso agro, coa nosa pesca, e outros sectores económicos. Europa impón, Madrid acepta e lexisla, Santiago acata, Galiza perde, perde e perde. Así chegou o real decreto das quitas das preferentes e subordinadas. Así pretenden consumar o saqueo do aforro galego.
Temos que rebelarnos contra esta novo roubo, facer sentir a nosa voz e a nosa forza, transmitir que estamos dispostos a loitar para deter este atraco e darlle a volta á situación.
Participemos todos e todas na manifestación contra o saqueo de Galiza, este venres, día 10 de maio, ás 20:30 h. desde a Praza da Ferraría