A Deputación buscará solucións para garantir o tráfico peonil nos viais provinciais de Barro
O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, e a nova directora de área da institución provincial, Isabel Pardo, reuníronse co alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, para falar das necesidades das vìas provinciais no municipio. Benítez asegurou que a Deputación buscará unha solución para garantir o tránsito peonil dos peregrinos que realizan o Camiño Portugués a Santiago polas vías provinciais, coordinará co Ministerio de Fomento unha solución á intersección da vía Curro-Portela coa N-550, e buscará a viabilidade de rematar as obras pendentes na EP-0505.
A Deputación comprometeuse co Alcalde a coordinar unha mellora no cruce entre a estrada Curro-Portela e a N-550
O alcalde Abraldes realizou varias peticións ao deputado que serán estudadas polos técnicos provinciais. A actuación que máis interese suscitou por parte dos responsables da Deputación foi a da mellora da vía EP-0508 entre Curro e San Amaro, que coincide na súa maior parte co Camiño de Santiago e precisa dunha mellora e dunha senda peonil independente para o tránsito de peóns. Benítez destacou que esa actuación encaixa dentro do decálogo de criterios para actuar nas vías provinciais, que priorizan as mobilidades peonís sobre os tránsitos rodados sobre todo para garantir a seguranza viaria, polo que asegurou que a Deputación se involucrará na busca dunha solución que garanta un espazo seguro na estrada aos camiñantes.
Por outra banda, Uxío Benítez tamén sinalou que a Deputación coordinarase co Ministerio de Fomento para buscar unha solución ao cruce entre a EP-0506 Curro-Portela e a N-550 coa finalidade de garantir a seguranza viaria na zona, xa que o alcalde destacou a existencia dun alto índice de sinistralidade na intersección.
Como terceiro punto, o responsable de Mobilidade da Deputación asegurou que os técnicos provinciais realizarán un informe global dos diferentes expedientes de obras inacabadas na EP-0505 entre a estrada nacional a Santiago(N-550) e a Igrexa de Perdecanai. Fernández Abraldes destacou que hai oito anos se iniciaron obras de mellora e ensanche que quedaron paradas, que hai catro anos se fixeron muros e se asfaltaron tiras de terras, e que hai un ano comezaron a anchear noutras zonas sen asfaltar, pero nunca se remataron ningunha destas obras. Engadiu ademais que aínda se manteñen postes de telefonía no medio da vía nos tramos mellorados. A nosa prioridade é rematar con este cúmulo de despropósitos e actuacións iniciadas e sen rematar, subliñou o alcalde. Benítez destacou que estudiará a viabilidade administrativa de finalizar as actuacións definitivamente.
Finalmente, o deputado explicou a Abraldes que os servizos técnicos provinciais están a valorar as obras que se executarán grazas ao Plan MOVESE, que consisten en instalar pasos de peóns sobreelevados, redutores físicos da velocidade e zonas 30 nas vías de titularidade provincial. Hai que lembrar que o Concello de Barro presentou tres solicitudes ao abeiro deste plan provincial que pretende aplicar medidas de calmado do tráfico: para a EP-0508 Curro-San Amaro, para a EP-0503 Mane-Rebón e para a EP-0507 Portela-Valiñas-Portas.
O Concello de Barro conta con nove estradas provinciais que suman máis de 23 quilómetros: Porráns-Cuntis, Igrexa-San Breixo, Mane-Rebón, Perdecanai-Triaba, N-550- Igrexa de Perdecanai, Curro-Portela, Portela-Valiñas-Portas, Curro-San Amaro, Ramal da Igrexa Portela e Goulla-Porráns.