Homenaxe a Francisco Carballo en Marín

Homenaxe a Francisco Carballo en Marín

Homenaxe a Francisco CarballoO pasado 17 de xaneiro, o multiusos de Marín acolleu unha emotica homenaxe ao noso compañeiro recentemente falecido, Francisco Carballo, organizada polo BNG. A continuación transcribimos a intervención do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nese acto, e adxuntamos unha galería de imaxes do acto.

"Amigas e amigos, boa tarde. Estamos aquí para celebrar unha vida de compromiso, de loita, de xenerosidade, de vitalismo.

Unha vida de renuncias, de sacrificios no plano persoal, de entrega absoluta a causas xustas, nobres, que engrandecen a condición humana.

En todas as facetas da sua existencia, que foron múltiples e frutíferas, como puidemos comprobar hoxe, Francisco Carballo entregouse con humildade, con nobreza, con unha humanidade desbordante.

Foi un home sinxelo, sobrio, xeneroso. Desde logo en Pontevedra sabémolo ben, porque disfrutamos do seu saber, do seu talento, das súas ensinanzas e consellos.

Lembrámolo nas asembleas, nos debates, nas actividades do ano Castelao, do Ano Bóveda, en conferencias polas parroquias, espallando o amor a Galiza, o coñecemento da súa historia, a importancia vital do nacionalismo, a confianza no país.

Foi un mestre no sentido amplo da palabra.

Un ensinante apaixonado, un comunicador eficaz, un transmisor de enerxía e activismo, unha desas persoas que deixa unha profunda pegada, que non se esquece nunca.

Unha persoa que representa, de maneira radical, o sentido de ideas como ética, compromiso, nacionalismo ou Galiza. Palabras que máis alá da retórica son ferramentas imprescindibeis para o traballo organizativo, para o labor político, para a responsabilidade institucional.

Ética e compromiso para defender unha sociedade máis xusta e igualitaria, na que desaparezan os privilexios duns poucos e se poñan por diante os intereses e os dereitos da maioría. Termos necesarios nun tempo coma o actual no que o gran capital e os gobernos que os serven queren condenarnos á precariedade, á intemperie, á miseria.

Ética e compromiso tamén como antídotos contra a submisión, a resignación ou do medo, que son as consignas da orde global dominante para gañar a batalla das ideas.

Ética e compromiso para denunciar un sistema cruel e corrupto que saquea o público, que destrue o territorio, que emprobrece e dilúe a diversidade, que globaliza a inxustiza, a probreza e a guerra.

Ética e compromiso para facerlle fronte á ofensiva contra as liberdades e os dereitos democráticos. Para combater o ataque os dereitos da clase traballadora; a utilización da policia, da xustiza e da política para perseguir con multas, con detencións e coa cadea aos discrepantes, aos que defender na rúa dereitos fundamentais aos que non podemos renunciar.

Nacionalismo e Galiza para facerlle fronte a eses mesmos designios e politicas que nos negan como nación, que coutan o desenvolvemento das nosas capacidades e recursos, e que queren condenarnos á dependencia e á pobreza.

Nacionalismo e Galiza para defender a lingua que nos une, a nosa identidade cultural, a nosa historia, o territorio, unha forma xenuina de ser e estar no mundo.

Nacionalismo e Galiza, en fin, para crer en nós memos, para actuar con coraxe, con determinación e orgullo, para defender o país e traballar polo seu futuro con todas as forzas.

El tamén entendeu que o instrumento para andar ese camiño era o BNG, o espazo de encontro dos anceios de xustiza social e de autogoberno.

Francisco Carballo era merecedor desta homenaxe, de todas as homenaxes. Honremos pois a súa memoria traballando para cumprir as ideas polas que el loitou, para facer realidade os seus soños. O deseño dunha Galiza próspera, acolledora e solidaria, un país soberano, igualitario e xusto.

 

Galería fotográfica: https://flic.kr/s/aHsk7aosJM

 

Homenaxe a Francisco Carballo en Marín