O Concello de Caldas reclama a Educación investimentos urxentes nos centros de ensino da vila para solucionar “importantes deficiencias que exceden o mantemento”
Caldas, 30 de abril de 2024.- O Concello de Caldas deu unha nova chamada de atención ao delegado territorial de Educación, César Pérez Ares, para que a Xunta realice canto antes os investimentos e obras que solucionen as “importantes deficiencias” que está a sufrir a comunidade educativa dos centros de ensino da vila.
O tenente de alcalde Manuel Fariña destaca que ata o de agora, e pese ás reiteradas peticións, o delegado fixo caso omiso das evidencias e o mal estado das instalacións, que nalgúns casos “caen a cachos” e non se poden corrixir con labores de mantemento responsabilidade do goberno local. “A falta de atención a Caldas é un auténtico despropósito”, critica o nacionalista.
Fariña explica que as actuacións solicitadas, aínda que non están valoradas cuantitativamente polo miúdo, non suporían un gran desembolso económico, sen embargo si teñen un impacto moi negativo na convivencia e calidade educativa. Explicou que son deficiencias que exceden o mantemento, responsabilidade municipal, senón que precisan da realización de obras novas para substituír elementos que esgotaron con moito a súa vida útil. “Dende o Concello estamos a meter cartos en arranxos que non solucionan os problemas”, apunta o tenente de alcalde.
Como exemplos Fariña enumera a substitución dos canlóns dos tellados que están ou destruídos ou cheos de buratos, a instalación de elementos de protección e seguridade para a cativada, a reposición das cubertas do patio de educación infantil do CPI Alfonso VII totalmente furada, ou a mellora da rede de pluviais no CEIP San Clemente que inunda o patio de recreo cada vez que chove. Sobre esta última, Fariña sostén que o Concello limpa todos os cursos as tubaxes, mais como están furadas éntralles terra e despois a auga sae na zona que os rapaces teñen para xogar. “Non hai maneira de poñer máis parches”, sinala.
Ante esta situación, Fariña vén de chamar novamente á delegación de educación para que faga “con urxencia os investimentos que lle corresponden á Xunta de Galiza”, xa que “quen sofre todas as deficiencias é o alumnado”. O responsable local destaca que é positivo que a Xunta anuncie grandes instalacións, mais des- taca que debe lembrar todas as outras súas responsabilidades “aínda que non sexan tan importantes como para saír nas fotos da prensa”.