Pontevedra acollerá do 8 de maio ao 30 de xuño ‘O múltiple que ocupa o espazo’, un experiencia inmersiva dirixida polo grupo de investigación dx5 da Facultade de Belas Artes
Pontevedra, 30 de xuño de 2024. O concelleiro de Cultura Demetrio Gómez presentou o proxecto interdisciplinar ‘O múltiple que ocupa o espazo. VIII Foro Internacional de creación na fronteira’ que, dirixido polo grupo de investigación dx5 da Facultade de Belas Artes, encherá diversos espazos da cidade entre o 8 de maio e o 30 de xuño. Contou coa compañía de Ana Soler (directora do grupo de investigación), Carlos Rosón en representación da Fundación RAC (como unha das múltiples sedes do evento) Ana Belén Fernández Souto como directora de Área do Campus Crea e María Gar e Alexanda R.Rey de VACIOCERO, encargadas da coordinación técnica.
O proxecto que verá a luz próximamente ten detrás moitos meses de traballo: “hai uns meses o grupo dx5 de investigación da Facultade de Belas Artes con Ana Soler e as rapazas de VacioCero que son referencia en Pontevedra, viñeron e propuxéronnos un reto, o reto de converter Pontevedra nun gran espazo que acollese exposicións, investigación, publicacións, intervencións artísticas, etc. arredor dunha idea: `a matriz que xera múltiples´ e reflexionar sobre a bidimensionalidade da gráfica que transita cara unha experiencia artística inmersiva", afirmou o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez.
O reto era complexo e aínda máis difícil era cando implicaba a colaboración entre diferentes entidades, como a Universidade, a Fundación RAC, o Concello de Pontevedra, o grupo de investigación…
"O día 8 de maio inaugurase a exposición do Pazo da Cultura e inmediatamente vén un programa inmenso de exposicións pola cidade, de intervencións no espazo público, de foro para reflexionar, de visitas guiadas e obradoiros para facer a arte accesíbel a todas e todos, para que entendamos que isto non dá medo senón que emociona, que conmove no mellor sentido da palabra. Convidamos a todos os pontevedreses e pontevedresas a visitar os espazos expositivos e percorrer a cidade cos ollos ben abertos para atopar as intervencións que vai haber no espazo público e no virtual”, afirmou o concelleiro.
A profesora e directora do grupo de investigación dx5, Ana Soler, salientou, polo súa banda, que “hai 20 anos que reflexionamos sobre a arte múltiple. Vimos do mundo da gráfica, do gravado, onde hai unha matriz que xera múltiples. Esa idea evolucionou cara o que chamamos a gráfica de campo expandido. Saíu da bidimensionalidade e se expande na tridimensionalidade. Levamos anos dando voltas a diferentes aspectos deste concepto de orixinal múltiple, con proxectos de investigación nacionais e internacionais que xeraron conexión con Xapón, Suecia, EE.UU. O que nos trae hoxe aquí, a este VIII Foro e como o seu propio nome indica “O múltiple que ocupa o espazo” é crear espazos de interferencia entre o múltiple e a instalación. Que pasa cando esa matriz non só xera estampa e crea elementos que invaden o espazo cara a instalación?
"A docencia é unha parte do traballo público docente que facemos pero somos persoal docente investigador e cremos que temos que retornar á sociedade tamén coa investigación e a investigación en arte existe, igual que existe a investigación en arte múltiple. Neste sentido, o grupo ten tres patas: investigación científico-técnica, a parte filosófica-conceptual e por suposto a artística-práctica e a transferencia á sociedade. Que todo o que facemos, as teses, investigacións, as preguntas e respostas que atopamos no camiño, sexan comunicadas á sociedade. Non ten sentido a arte se non hai un diálogo", afirmou.
"Cando concebimos este proxecto, ‘O múltiple que ocupa o espazo’ non podía ser doutro xeito que ocupando a cidade. Para min Pontevedra é como a miña casa e tiña que ser aquí. Temos moitas conexións internacionais e todo o mundo mira a Pontevedra. Que está a facer Pontevedra e o dx5? É o lugar onde o múltiple se tiña que expandir. Haberá diferentes exposicións en distintas sedes, a máis grande é a do Pazo da Cultura ‘Simbiose’, tamén na Sala Universitaria Manuel Moldes ‘Xerminal’ dependente do Campus Crea de Pontevedra e a Fundación RAC ‘Resonancias’, que cedeu parte da súa colección para potenciar a idea. E tamén diferentes espazos públicos da cidade que veredes por aí. Con ‘Interferencias’ queremos sacar a arte á rúa e tamén haberá intervencións en xornais, valados publicitarios, sinais de tráfico e redes sociais. Queremos invadir o espazo pero non só o espazo público e privado, senón o dixital".
Visitas guiadas:
Horario de visitas entre semana: xoves 16 e 30 de maio // xoves 13 e 27 de xuño ás 18:30h
Horario de fin de semana: 19 e 25 de maio // 2, 8, 16, 22 e 30 de xuño ás 12:00h
Horario de apertura de Sala de Exposicións do Pazo para visita libre: de martes a venres de 18 a 21h. Sábados de 12 a 14h. e de 18 a 21h. Domingos e festivos de 12 a 14h. Luns, pechada.
Obradoiros para público familiar con rapazada a partir de 7 anos:
“O obxecto múltiple” 24 e 25 de maio de 18:00- 20:00h.
“Mapas corporais” 15 de xuño de 18:00- 20:00h.
“Expandindo a gráfica” 29 de xuño de 18:00- 20:00h.