O ORZAMENTO, DE 94,7 MILLÓNS, RECOLLE PROPOSTAS DOS GRUPOS DA OPOSICIÓN

Lores presenta o orzamento máis alto da historia de Pontevedra e chama á «responsabilidade» e á «seriedade» para a súa aprobación

Lores presenta o orzamento máis alto da historia de Pontevedra e chama á «responsabilidade» e á «seriedade» para a súa aprobación

Pontevedra, 15 de decembro de 2023. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, compareceron hoxe en rolda de prensa para dar conta da proposta de orzamentos para o ano 2024, que inician a súa tramitación para ser aprobados en pleno municipal.

"Estamos ante o orzamentos máis alto da historia do Concello de Pontevedra, un orzamento que responde a un novo tempo e que recolle, obviamente, a situación derivada da Covid, a inflación e a suba xeralizada de prezos", indicou o alcalde. "Representa a aposta pola consolidación do modelo e o seu avance, así como a mellora de mantemento xeral de todo o concello, tanto en equipamentos como no investimento no espazo público".

Así, Lores sinalou que diversos capítulos experimentan un incremento importante dos seus fondos, como é o do gasto corrente, os gastos financeiros, así como un aumento no gasto de persoal e no gasto das subministracións (electricidade, auga, combustíbeis...). O alcalde quixo destacar que o borrador de orzamento recolle demandas dos grupos da oposición, especialmente do Partido Socialista, mais tamén do Partido Popular, en relación a mocións, preguntas ou rogos presentados nos plenos ou nas comisións, "recollendo melloras en relación co espazo público, os barrios e os distintos servizos".

Lores sinalou que a non aprobación desta proposta poría en perigo os fondos europeos para distintos proxectos que se realizarán no municipio, o que suporía a perda de aproximadamente sete millóns de euros

O alcalde subliñou e puxo sobre a mesa que se estes orzamentos non son aprobados, derivaría na perda de fondos europeos por un valor aproximado de sete millóns de euros. "Hai un risco serio e real de que se perdan, xunto coa perda de subvencións municipais, como poden ser as deportivas, xa que de non haber fondos para as cuestións de obrigado cumprimento, como é o gasto de persoal ou o pago de xuros ou a electricidade, é evidente que deben ser extraídos doutros capítulos".

"Poden caer as subvencións dos clubs, dos eventos deportivos (campionato do mundo de loitas, campionato de Europa de ciclocross...), ou citas de lecer como as propias festas ou o Río Verbena, por poñer exemplos concretos; ou o a posta en marcha do novo parque da Parda", comentou.

Lores destacou o traballo dos servizos municipais, en especial aos servizos económicos, á hora de poder ter o borrador do orzamento e agradeceulles o seu labor á hora de permitir que o Concello "teña en tempo e forma estes orzamentos que están pensados para mellorar a calidade de vida dos pontevedreses e das pontevedresas".

O concelleiro de Facenda, Raimundo González, sinalou que a data para a celebración do pleno extraordinario dos orzamentos será consensuada nos vindeiros días cos outros grupos.

Lores presenta o orzamento máis alto da historia de Pontevedra e chama á «responsabilidade» e á «seriedade» para a súa aprobación